Detido un mozo por presuntamente agredir ao seu bebé de cinco meses

A nena ingresou no hospital cunha fractura de cranio e lesións no pescozo

A Policía Nacional detivo a un mozo de 22 anos despois de que o seu bebé, unha nena de cinco meses, fóra ingresada no hospital cunha fractura de cranio e lesións no pescozo e no peito, segundo informaron a Efe fontes policiais.

Os feitos remóntanse á mañá do pasado sábado cando a nai, unha dominicana de 26 anos, tivo que saír de casa e deixou á pequena a coidado do pai no domicilio de ambos no madrileño distrito de San Blas.

Horas máis tarde o home, de nacionalidade española, chamouna moi nervioso dicindo que a bebé se caeu da cama e, posteriormente, ingresaron á menor no Hospital da Paz.

Os sanitarios comprobaron que a nena tiña multitude de lesións, entre elas unha fractura de cranio e negróns no peito e no pescozo. Ante este informe, foi a propia nai a que avisou á Policía Nacional.

Esta muller relatou aos axentes que anteriormente vivira episodios violentos coa súa parella.

Finalmente, este domingo pola mañá os policías detiveron a este mozo como presunto autor dun delito de malos tratos no ámbito familiar.

A nena aínda permanece ingresada no hospital recuperándose das lesións.