Detido en Vigo por zarandear e arrastrar polos pelos á súa parella en plena rúa

O home mantivo unha actitude violenta durante a súa detención e agrediu un axente 
Policía Local de Vigo. DP
photo_camera Policía Local de Vigo. DP

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un veciño da cidade, de 33 anos, D.F.R., como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras zarandear e arrastrar polos pelos á súa parella, en plena vía pública. 

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na tarde do venres, cando unha testemuña chamou ao 092 para informar dunha suposta agresión cerca do Parque de Castrelos. 

O alertante informou de que un home estaba a agredir a unha muller, presumiblemente a súa parella, mentres ambos camiñaban cara a ese parque, e que o home mostraba un estado de gran agresividade. 

Unha dotación policial dirixiuse ao lugar e localizou a ambos. Ao ser preguntados polo que ocorrera, o home explicou que estaba a discutir coa súa parella e que, "pola rabia", golpeara unha parede. De feito, tiña unha man inflamada e ensanguentada. 

Mentres, a muller negou que sufrira ningunha agresión, e sinalou aos axentes que a rifa se produciu polos malos hábitos da súa parella. 

Con todo, varias testemuñas declararon que viran como o home golpeaba e zarandeaba á moza, á que tirou ao chan, e á que logo arrastrou polos pelos.

AGRESIÓN A UN AXENTE. Ao lugar desprazouse unha dotación do 061, que atendeu ao home das súas feridas, e trasladouno ao Hospital Álvaro Cunqueiro. Tras recibir a alta, o home foi detido como presunto autor dun delito de violencia de xénero. 

Cando foi informado as causas da súa detención, o home estalou en cólera e agrediu un dos axentes que o custodiaban, causándolle lesións nunha man. Así mesmo, mantivo a súa actitude violenta no vehículo policial que o trasladou, dando golpes e patadas no interior do coche. 

Comentarios