A investigación apunta a que o home achado morto nun bar no casco antigo de Ourense á primeira hora da noite deste mércores supostamente faleceu por feridas causadas por arma branca. Así o manifestaron fontes próximas á investigación a Europa Press, que confirmaron que a Policía Nacional investiga a morte violenta deste home.
En concreto, a Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV) da Policía Nacional investiga a morte violenta do home que rexentaba o Bar Novo, situado no casco antigo da cidade de Ourense.
Os feitos sucederon sobre as 20.30 horas deste mércores no Bar Novo. A vítima, que rexentaba o establecemento hostaleiro, atopábase falecido e presentaba feridas por arma branca e golpes.
O establecemento hostaleiro, situado na rúa Colón, estaba pechado ao público cando os axentes da Policía Nacional chegaron ao local e constataron que o home estaba morto.
Ao lugar, sinalaron a Europa Press fontes sanitarias, ademais, acudiron medios do 061 cunha ambulancia de soporte vital avanzado, cuxo persoal confirmou o falecemento no lugar do home, E.M.M., de 65 anos de idade.