Dúas persoas excarceradas tras dous accidentes en Ferrol e A Coruña

Ámbolos dous sucesos producíronse na madrugada deste domingo
Oficinas do 112. EMERXENCIAS GALICIA
photo_camera Oficinas do 112. EMERXENCIAS GALICIA

Dúas persoas foron excarceradas este domingo tras senllos accidentes acaecidos en Ferrol e A Coruña, nos cales resultaron feridas tres persoas, segundo comunicou o 112 Galicia.

FERROL

Na primeira das cidades, os bombeiros rescataron a unha persoa ao quedar atrapada no interior dun coche que sufriu unha saída de vía no quilómetro 1 da estrada FE-14. O turismo circulaba polo viario que une o polígono da Gándara coa avenida das Pías, nas inmediacións do barrio de Caranza. Segundo o servizo público de urxencias, un particular alertou do suceso á unha e media da madrugada e pediu "asistencia médica urxente para unha persoa atrapada", polo que se informou a persoal sanitario, bombeiros, Policía Local e Protección Civil. O ferido, unha vez excarcerado, foi trasladado a un centro hospitalario.

A CORUÑA

Xa na Coruña, ao fío das 01:45 horas, recibiuse desde o 061-Urxencias Sanitarias de Galicia un aviso por unha saída de vía na avenida de Enrique Salgado Torres. Así, relatouse que un accidente causou "dúas persoas feridas, unha delas atrapada no interior do coche". A continuación, o 112 Galicia mobilizou a Garda Civil, Protección Civil e Policía Local, ademais de solicitar a intervención dos bombeiros da cidade. Unha vez culminada a intervención, os efectivos contraincendios ratificaron "o uso do material de excarceración para liberar a unha persoa atrapada".

Comentarios