Galicia

Duro intercambio de reproches entre Villares e Feijóo

O líder de En Marea, Luís Villares, sacou a artillaría pesada este mércores para atacar o labor de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta: volveu acusalo de submisión respecto dos ditados de Madrid e sacou a relucir as supostas conexións do PP co contrabando aludindo de novo a Marcial Dorado ou á aparición do personaxe do expresidente Fernández Albor en 'Fariña'. No marco dun debate sobre infraestruturas, censurou que Feijóo opte por ser "cómplice" das actitudes dos seus compañeiros de bancada e que o pasado ano o Goberno concedese a Medalla ao Traballo a Albor, que cobrou durante tres anos un soldo do Consello Consultivo "sen traballar", e durante a súa época como xefe do Executivo reuniuse con contrabandistas fuxidos ao norte de Portugal.

"Aínda que vivise vostede dúas vidas non lle chegaría á altura da dignidade ao señor Albor", espetoulle na súa resposta o xefe do Executivo galego, que decidiu pagarlle coa mesma moeda e cuestionou a profesionalidade do político lucense, xuíz en excedencia. "Imputar delitos de forma continuada valéndose da súa inviolabilidade é lamentable, para calquer deputado da Cámara, pero que o faga alguén que tenta impartir xustiza é para facer reflexionar ao respecto. É correcta a lexislación española en relación a estes asuntos? Vostede cando definitivamente marche desta cámara vainos dar garantías de que vai respectar a presunción de inocencia da xente?", preguntoulle Feijóo durante o duro intercambio de reproches que ambos protagonizaron. " Non me utilice a min para resolver os problemas e a falta de autoridade que ten no seu grupo", engadiu Feijóo en referencia á crise interna de En Marea.

Comentarios