A DXT inicia este luns unha campaña especial contra o consumo de alcol e drogas

Intensificaranse os controis por parte dos axentes de Tráfico da Garda Civil
Un agente de la Guardia Civil, en un control de tráfico. J. CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Un axente da Garda Civil, nun control de tráfico. J. CERVERA-MERCADILLO

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) desenvolverá esta semana, desde este luns 9 ata o sábado 15 de decembro, unha campaña especial de control do consumo de alcol e drogas entre os condutores das estradas galegas. 

Deste xeito, "intensificaranse" os controis por parte dos axentes de Tráfico da Garda Civil. Ademais, na iniciativa colaborarán os concellos para realizar probas en zonas urbanas, en especial as zonas de lecer nocturno

Neste contexto, a Delegación do Goberno en Galicia recorda que o alcol é un "factor concorrente ou determinante" nun terzo dos accidentes mortais de circulación. Así, a súa presenza na condución multiplica entre 2 e 15 veces —en función da taxa— o risco de sufrir un sinistro. 

Por iso, a estratexia de seguridade viaria 2011-2020 establece como obxectivo descender do 1% os positivos por alcoholemia nos controis aleatorios. En España, de acordo con cifras da DXT, case un 15% dos condutores colle un vehículo tras consumir algunha sustancia que afecta á súa capacidade para unha condución segura. 

Na pasada campaña realizada en xuño dedicada a estas infraccións, fixéronse en Galicia máis de 24.000 probas de alcoholemia, das que 249 —o 1,03%— deron positivo. Nos test de drogas, realizáronse 396, das que positivas foron 159 —40%—. As maiores cifras danse en homes —máis do 80%— con idades entre 45 e 54 anos. 

Comentarios