Unha eclipse lunar parcial será visible desde Galicia o 16 de xullo

A USC destaca que será "principal fenómeno astronómico" no período estival galego 

Eclipse de lúa. J.VÁZQUEZ
photo_camera Eclipse de lúa. J.VÁZQUEZ

Unha eclipse parcial de lúa o día 16 de xullo será "o principal fenómeno astronómico" visible desde Galicia nun verán que comeza este venres ás 17.54 horas. 

O director do Observatorio Atronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela (USC), José Ángel Docobo, anunciou este mércores que a citada eclipse coincidirá coa saída da lúa en Galicia o 16 de xullo, ao redor das 22.00 horas, e alargarase ata a 1.00 da madrugada do día 17. 

Tal e como explica a USC nun comunicado, o día 2 de xullo haberá unha eclipse total de sol, pero que non será visible desde Europa. Si o será desde Sudamérica e o Pacífico. 

Así mesmo, outro fenómeno destacable do verán, as Perseidas, coincidirán coa festividade de San Lourenzo –10 de agosto–, a pesar de que as condicións para velas "non serán moi favorables", asegurou Docobo, por estar a lúa preto da fase chea. 

O Observatorio da USC desvelou que os planetas Júpiter e Saturno serán visibles todas as noites no ceo nocturno. 

Venus, con todo, será visible ao amencer ata mediados de agosto para, despois, pasar a verse pasado o atardecer. Mentres, Mercurio realizará aparicións alternas entre os amenceres de xullo e agosto e os anoiteceres de setembro. 

Para rematar, Marte, o planeta máis próximo á Terra, poderá verse a primeiras horas da noite en xuño e xullo. Despois, en agosto e setembro, aparecerá á primeira hora da mañá.

PRIMAVERA SECA E FRÍA. Ademais, o profesor Docobo valorou a primavera que está a piques de acabar como "máis ben seca na área de Compostela, aínda que con temperaturas baixas especialmente no final da estación". 

Así mesmo, apunta que "a precipitación de abril estivo por baixo da media, quedándose en 214 litros por metro cadrado". Pola súa banda, o arranque da primavera non rexistrou choivas, mentres foron "escasas" en maio, con 47,5 l/m2. 

No que respecta ás temperaturas, explica o Observatorio, a máxima tivo lugar o 31 de maio –33,7º– e a mínima –2,1º– o 3 de maio. Para rematar, o profesor destaca "as temperaturas máximas tan baixas rexistradas en xuño", ao haber oito días por baixo dos 18º.