As entidades 'biotech' "buscan a súa media laranxa con talento" da man de Bioga e GAIN

O Cimus de Santiago acolleu o VI BioSpeed Dating 2018, ao que acudiron 49 entidades coa idea de potenciar a creación de equipos mixtos de empresa e investigadores nun sector en alza

Boris Mosquera, Carme Pampín, Teresa Bernal y Loli Pereiro.EP
photo_camera Boris Mosquera, Carme Pampín, Teresa Bernal y Loli Pereiro.EP

Un total de 49 entidades e actores do ecosistema biotecnolóxico de Galicia (22 empresas, 19 grupos de investigación e oito perfís tecnolóxicos) participaron este xoves no VI BioSpeed Dating 2018, unha cita organizada no Cimus de Santiago de Compostela polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), que preside Carme Pampín; e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), que lidera Patricia Argerey. “Nesta sexta edición batemos marcas de participación”, comenta Loli Pereiro, project manager de Bioga, quen destaca que este gran networking do ecosistema biotech “serve para que os actores do sector poidan porse en contacto e buscar a súa media laranxa con talento innovador”.

Este ano o VI BioSpeed Dating 2018 aposta polo talento, de aí o seu nome: BioSpeed Talent. Bioga e GAIN pretenden conectar con este cume networking de encontros curtos a empresas con talento innovador, aos grupos de investigación e a perfís especializados para que poidan optar a axudas para a contratación de persoal especializado de I+D+i e desenvolvemento de negocio biotech (Principia, Talento Senior…). “Impulsamos a colaboración non só entre empresas senón tamén de empresas con grupos de investigación e con perfís tecnolóxicos especializados no sector das ciencias da vida”, afirman desde Bioga. Esta iniciativa, que naceu en 2013, quere “pór en valor o talento investigador e empresarial como base da xeración de proxectos e potenciar a formación de equipos mixtos que conformen o éxito de desenvolvemento de actividade entre a industria e a academia”.

Carme Pampín, presidenta de Bioga, inaugurou o VI BioSpeed Dating 2018. Tamén participou Teresa Bernal, de GAIN. Pampín resaltou que o último Informe Biotech-Galicia 2016 reflexa unha “evolución positiva” dos indicadores de volume de negocio e emprego da industria biotecnológica de Galicia. O emprego privado biotech crece nos últimos exercicios unha media anual do 10%, ata alcanzar os 1.300 postos de traballo actuais, dos que o 36% é persoal investigador. O sector biotech público galego xera ao redor de 1.500 postos de traballo, vinculados fundamentalmente á Universidade e á rede de hospitais. “Os datos indícannos que para seguir mantendo estes resultados cada ano hai que mellorar a calidade da formación dos investigadores e promover o seu desenvolvemento profesional tanto nas liñas de investigación como no desenvolvemento comercial das empresas”, indicou Pampín.

Patricia Argerey, directora de GAIN clausurou a xornada. O VI BioSpeed Dating 2018 plasmouse nas reunións one to one. Os axentes participantes, entre 17.00 e 19.00 horas, tiveron a oportunidade de manter encontros individuais entre si limitados a dez minutos. Bioga confía en que os contactos sexan frutíferos. Nos próximos meses iranse dando pasos e concretaranse colaboracións. Previamente, Boris Mosquera Gindele, headhunter da empresa Blueleaders, impartiu unha conferencia titulada: “Conectando empresas con talento innovador”.

Comentarios