Entréganse os responsables da pelexa na área recreativa do Corgo

Catro, entre eles dous menores, quedaron en liberdade con cargos e outros tantos pasarán a disposición xudicial esta tarde

As persoas que a Garda Civil buscaba por protagonizar o pasado día 2 unha brutal pelexa na área recreativa do Corgo entregáronse este martes no cuartel, onde foron detidos. 

Unha muller, un adulto e dous menores xa quedaron en liberdade, con cargos e á espera de ser chamados polo xulgado Outro catro pasarán a disposición xudicial esta tarde.

Tras nove días ilocalizables, entregáronse voluntariamente e acompañados dun avogado no cuartel, onde foron arrestados.

Os feitos ocorreron ao redor das sete da tarde do domingo 2 de setembro, cando oito persoas se presentaron na terraza do bar que está situado á beira da área recreativa do río Chamoso, onde está emprazada tamén a nova piscina municipal do Corgo, e comezaron a increpar ás persoas que estaban alí.

A actitude dos supostos agresores desencadeou unha pelexa, na que os responsables do altercado usaron paus para golpear ás vítimas, catro persoas en total, entre elas o propietario do local de hostalería. 

Todos eles recibiron asistencia sanitaria no Hula, aínda que ningún dos feridos -con idades comprendidas entre 36 e 52 anos- resultou lesionado de gravidade.

Comentarios