España impón unha corentena de 14 días aos viaxeiros internacionais desde o 15 de maio

Só se poderán desprazar para ir a centros sanitarios, comprar comida, fármacos ou bens de primeira necesidade e terán que facelo obrigatoriamente con máscara
Viajeros en el aeropuerto de Barajas. EFE
photo_camera Viajeros en el aeropuerto de Barajas. EFE

Os viaxeiros que veñan a España desde o estranxeiro deberán gardar corentena os 14 días seguintes á súa chegada, segundo unha orde do Ministerio de Sanidade publicada este martes no Boletín Oficial do Estado (BOE) que será efectiva a partir do 15 de maio e estará vixente durante o estado de alarma e as súas posibles prórrogas. 

España segue así o ronsel de gran parte dos seus veciños europeos, que viñeron establecendo períodos de corentena de 14 días aos viaxeiros que entran nos seus territorios. En España, esta medida veuse aplicando ás autorizacións excepcionais outorgadas para as repatriacións de españois e residentes en España procedentes de Italia. Agora farase con todo viaxeiro internacional, aínda que haberá excepcións. 

Argumenta o Goberno nesta orde que "a favorable evolución da situación epidemiolóxica" en España e o inicio da desescalada "fan preciso reforzar as medidas de control, de tal forma que, tendo presente a distribución mundial do virus e en base ao principio de precaución, considérase necesario aplicar ás persoas que procedan do estranxeiro a necesidade de realizar unha corentena durante 14 días". 

Durante este período de corentena, os viaxeiros que veñan a España deberán permanecer no seu domicilio ou aloxamento, e limitar os seus desprazamentos á adquisición de alimentos, produtos farmacéuticos e de primeira necesidade; asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios, e outros desprazamentos por motivos de forza maior ou situación de necesidade. En todos eles será obrigatorio o uso de máscara.

Quedan excluídos os traballadores transfronteirizos, transportistas e as tripulacións, así como os profesionais sanitarios

De igual xeito, a orde establece que se deberán observar todas as medidas de hixiene e prevención da transmisión da enfermidade provocada polo coronavirus, en especial ao que se refire a contacto con persoas coas que se convive. 

As autoridades sanitarias poderán contactar coas persoas en corentena para realizar o seu seguimento. En todo caso, ante a aparición de síntomas como febre, tose, dificultade respiratoria, malestar xeral ou outros síntomas de caso sospeitoso de Covid-19, as persoas en corentena "deberán contactar por teléfono cos servizos sanitarios mediante os números habilitados polas comunidades autónomas, indicando que se atopan en corentena por proceder do estranxeiro", sinala a orde.

De todas estas medidas quedan exceptuados os traballadores transfronteirizos, transportistas e as tripulacións, así como os profesionais sanitarios que se dirixan a exercer a súa actividade laboral, sempre que non estean en contacto con persoas diagnosticadas de Covid-19. 

INFORMACIÓN AOS VIAXEIROS. As axencias de viaxe, os operadores de turismo e compañías de transporte deberán informar os viaxeiros destas medidas ao comezo do proceso de venda dos billetes con destino no territorio español. No caso das viaxes en avión, as compañías aéreas deberán facilitar o formulario de saúde pública para localizar aos pasaxeiros (Passenger Location Card), que deberá portar o viaxeiro á súa chegada a España. 

Comentarios