Esquecen a un menor nun bus escolar en Oleiros

O centro denuncia que "obrigan a dimitir" ao director e o alcalde responsabiliza á empresa de transportes e a Xunta 
 
Transporte escolar. EFE
photo_camera Transporte escolar. EFE

Un menor de tres anos quedou esquecido nun bus escolar en Oleiros ata que se decataron desde a empresa de transportes do sucedido e regresaron con el ao centro CEIP Luís Seoane, onde cursa Educación Infantil, tras estar toda a mañá fóra. 

Así o explicaron desde o centro e o Concello, que denuncian que, tras o sucedido –os feitos producíronse o martes– a Xefatura Territorial de Educación "decidiu obrigar á directora a dimitir", unha medida que rexeitan xa que a eximen de calquera responsabilidade. 

Nun comunicado, os membros do claustro e o persoal non docente deste centro expoñen que "a empresa de transportes contratada pola Xunta de Galicia para transportar ao alumnado, esqueceuse de baixar a un neno de Educación Infantil e deixalo no colexio como é habitual". 

O neno foi levado de volta ás dependencias da empresa e desde o centro aclaran que "non chegou a pór un pé no recinto escolar polo que se considerou que a familia non o enviase ao colexio".

PIDEN QUE SE ANULE A DIMISIÓN. No seu comunicado, engaden que, tras estes feitos, "a Xefatura Territorial decide obrigar á directora a dimitir, manifestando que perdeu a confianza nela", unha conduta que o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, cualifica de "fascista". 

O claustro e o persoal non docente expresa o seu "malestar e repulsa" pola actuación da Xefatura Territorial "de cargar toda a culpa ante a figura da dirección" e defenden que a directora é "unha persoa responsable, traballadora" e unha "infatigable profesional que en todo momento actúa para salvagardar o estado emocional do neno e a súa familia". 

"Así como dar a cara e reconducir o sucedido cara a unha canle o máis mediador posible entre a empresa de transporte e a familia". "Sen eximir en ningún momento das súas funcións de representación da administración no colexio", apostilan. Por todo iso, piden que se anule "a dimisión obrigada" da directora e defenden que a súa actuación foi "responsable, activa e impecable". 

"As responsabilidades deste feito recaen noutros axentes externos ao centro educativo" e apelan a que a resolución do caso sexa entre a administración e a empresa contratada e non forme parte "dun xuízo popular no que se incite a cortar cabezas dunha forma pouco ortodoxa e sensacionalista".

APOIO DO ALCALDE. Pola súa banda, o rexedor de Oleiros admite que se trata dun "gravísimo acontecemento" o sucedido co menor no servizo de transporte escolar, pero tamén que a directora fose "obrigada a dimitir". Ademais de cualificala como unha directora "exemplar", insta a loitar "para que siga no seu cargo". "Se mañá se mantén o cesamento, faremos unha convocatoria a todo o pobo de Oleiros para mobilizarnos e protestar". 

"A responsabilidade do grave suceso ocorrido co menor", do que explica que quedou no bus durante toda a mañá, "é da compañía de transportes e da persoa que realiza as tarefas de acompañamento e o coidado no autobús, contratados pola Xunta". "É a Xunta a responsable destes feitos tan graves e intolerables, non a directora do centro".