Opinión

Estoy encantado de que esté usted aquí

Jaureguizar pode perdoar calquera afrenta a unha persoa que escribe ben, mesmo que lle describa un ufólogo como "reputado"

ÁS VECES, mentres facemos vida familiar, érgome do sofá violentamente, como se viñera de empezar a Primeira Guerra Mundial. Anuncio á muller que saio «dez minutos. Ela ergue os ollos cara ao desespero. Os anos de matrimonio pásanlle concentrados nun punto pequeno do teito como se fosen un documental sobre a Batalla de Verdún,ese desastre alemán. Volvo dúas horas máis tarde, co pelo axitado e a roupa mal asentada. Ela, que se fia da Teoría da Relatividade cando lle interesa, pregunta por que 10 minutos se dilataron ata 120.

—Onde estabas?

—Nun bar cunha luz vermella no que hai señoritas que fuman e che tratan de ti.

—Mentira! Fuches ao periódico!

Ela sabe que non hai día libre que supere sen pensar un xiro que poida mellorar estes textos de Cidade Xardín. Daquela sobrevóame a cabeza unha avioneta que arrastra unha pancarta publicitaria na que está escrita a frase que precisaba. Saio fuxido cara á redacción.

O mércores fun a Pontevedra porque lle daban un premio a Ricardo Colmenero. Ao entrar nunha cafetería bonita de madeira escura e sombreiros masculinos veu saudarme un señor:

—Estoy encantado de que esté usted aquí —díxome.

—Grazas, eu tamén estou contento.
A entrega do galardón estivo antecedida por unha lección do mestre Xaquín López sobre o xeito no que a información sobre narcotráfico está devaluándose a un making of de Fariña. 
Cadroume sentar onda o señor que me saudara. Ao rematar de falar Xaquín, o home virouse e díxome:

—Estoy encantado de que esté usted aquí —díxome.

—Grazas, eu tamén —contestei.

Logo sentín o meu nome. Debía subir ao escenario. Estiven falando un cacho cara a uns señores con garavatas e unhas señoras sobre tacóns. As garavatas e os tacóns son obxectos puntiagudos que me intimidan. Debe de ser unha deformación freudiana.

A seguir Ricardo Colmenero relatounos como se inventou o Foro El Mundo Ibiza-Formentera para que José María Aznar lle concedese unha entrevista. O xornalista ourensán acabou recibindo ao daquela presidente onda a cantante Massiel erixida en autoridade insular. Ricardo acabou e todos aplaudimos con ganas porque o discurso fora ben divertido. Na transición ao silencio,o señor que estaba ao meu carón bisboume na orella: 

—Estoy encantado de que esté usted aquí.

—Pois imaxine o contento que estou eu, que marcho con máis cartos dos que traía!

Para empezar a darlles un uso razoable fun xantar con Alfredo Conde. O escritor alaricano pode ser a persoa máis deostada nesta páxina. Nunha ocasión esqueceu de poñer a outra meixela política e contestoume feramente no Correo Gallego. Foi implacable, pero manexou tan ben as metáforas e deu un ritmo tan vivo ao seu texto que me rendín. Chameino para felicitalo pola calidade dun artigo no que me abrira en canle.

—Boas, Alfredo. Son Jaureguizar.

—Badulaque! Como te atreves a chamarme?

E colgou.

Badulaque. Nunca dei esquecida esa palabra tan bonita. Inclineime un chisco máis ante un autor que escribe tan harmoniosamente e que coñece palabras como ‘badulaque’.

—É un insulto que teño escoitado na familia —comentoume logo de pedir unha raia á galega no restaurante Rianxo da Praza da Leña.

Se estou cunha persoa que leu e viaxou máis ca min entrégome a escoitala. Alfredo faloume de Conrad, aborixes australianos e Daniel Barata durante dúas horas. Barata foi o seu sucesor na Consellería de Cultura. En canto sentou no cargo eliminou 67 bolsas que creara Conde para que artistas e escritores se formasen no estranxeiro.

—Barata explicoume que, con esas bolsas, me creara 2.000 inimigos entre os 1.933 que se presentaran e quedaran fóra, e os 67 que foran escollidos. Estes tiñan que criticar á consellería para deixar patente a súa independencia.
Mentres miraba os aros dourados da cebola que facían de leito ao meu bacallao animei a Alfredo a escribir unhas memorias. Amosouse reticente. Foron moitas as batallas libradas.

—Deixa disposto que se publiquen cando esteas morto —suxerín.

—Non quero ser como as patacas, que soamente dan flor despois de que as enterras.

A cea cadroume tamén en Pontevedra. Como soamente xanto con persoas que escriben ben citeime con Pedro Cuesta. Pedro é grande e afable como un túnel de lavado. Ten vinte libros escritos, pero ningún co seu nome porque traballa para outras persoas. Escribiu unha obra para un médico que levaba o pelo verde e firmaba como El Doctor Amor. O científico descubrira un «revelador» método de curación consistente en acariciar as partes danadas do corpo cunha presada de pirixel.

Fomos a Casa Verdún. Verdún foi unha batalla que iniciaron os alemáns ás 7.15 dunha mañá de febreiro de 1916. Anunciáronse aos franceses coa descarga de artillería máis longa da Primeira Guerra Mundial. Ceamos unhas croquetas e unha grellada de carnes. Pedro case non comeu. Está constantemente liando cigarros coas mans, que son grandes e cremosas como guantes de béisbol.Ignoro para que os lía. Nunca o vin fumar.

Falamos do seu oficio. Sorprendeume que non exista un Colexio Oficial de Negros Literarios, pero advertiume de que a ética profesional lles obriga a ter «a discrección dun gigoló».

O maior éxito de vendas de Pedro Cuesta foille encargado por «un reputado ufólogo».

—Como pode ser reputado un ufólogo?

—Xa estás cos matices, Jaure.

A encarga consistiu en redactar douscentos folios sobre un lugar de Segovia no que hai unha porta de enerxía, que é «unha especie de gasolineira para naves espaciais». O ensaio contén todos os elementos que Pedro sabe que debe incluír todo bo manual de especulacións extraterreas: ovnis, arrepiantes secretos que os gobernos do mundo manteñen ocultos, nazis exiliados que seguen facendo o mal,... O delirio que redactou Cuesta inclúe unha batalla entre templarios e extraterrestres.

—Mira, Pedro, que uns templarios derroten con espadas a unha civilización que constrúe naves espaciais ten delicto, pero que os marcianos baixen en Segovia para rescatar os cadáveres dos compañeiros e leven as lápidas é delirante.

—E logo? Se vas a Segovia non compras un deses pratos que poñen ‘Estuve en Segovia y me acordé de ti’?

Comentarios