Opinión

Ética na escola

TAL COMO andan as cousas polo 'corral nublado', e polo mundo en xeral, a materia de Ética debería ser preceptiva, programa imprescindíbel, no Ensino Secundario Obrigatorio, que é, como vostedes saben, o que ten lugar entre os 12 e os 16 anos de idade. ¿Que tipo de persoas e cidadáns se quere formar para o futuro? Até un economista neoliberal como Jeffrey Sachs acaba recoñecendo, seguramente ao seu pesar, que as élites políticas e económicas teñen cada vez menos espírito cívico, esa mesma crema elitista recastada que prefire crear –a cita é de Albert Camus– un home sen ética, que sería como o deseño dunha "besta salvaxe soltada a este mundo". ¿Quen deseña, en definitiva, os modelos educativos, sempre ou case sempre refractarios á ética, ás humanidades e ao pensamento creativo e crítico?

Non se establece unha materia de Ética na escola porque non interesa unha 'ética común', e aínda se vive, dende moitos sectores con poder, na defensa e na imposición dunha educación moral 'familiar' ligada ou ben á relixión católica de xeito expreso ou ás súas distintas vertentes emanadas dunha mitoloxía redutora ou difusa, tantas veces hipócrita e naturalizada no social. Que a escola é un espazo educativo socializador resulta ben doado de entender, mais tamén é certo que sufre na actualidade unha situación de crise cando non de incerteza ou, se se quixer, de certa incapacidade formativa: véxase aí un crecente panorama no que atinxe á violencia adolescente de xénero, os casos existentes de maltrato manifesto ou as variadas formas de conflito que teñen lugar nas aulas ou no ámbito escolar.

Conviría, tal vez, establecer que non pode haber educación –unha verdadeira educación, merecente de tal nome– sen ética. Cando na aprendizaxe pedagóxica non existe un compoñente ético definido, entón temos que falar en moitos casos de adoutrinamento. Cando no mundo no que vivimos practicamente ninguén se preocupa pola existencia dunha filosofía da educación responsábel, dunha educación fixada en valores éticos, laicos e culturais liberadores, pouco bo se pode construír no sentido xusto do humano.

Sen a materia viva da Ética nas escolas e nos institutos –unha educación ética de raíz e integral–, non será posíbel o progreso na configuración dunha natureza humana baseada nos intereses universais, no diálogo co outro, na intelixencia autónoma e no desenvolvemento emocional.

Comentarios