Imprimir

Europa quere ser o rico epulón

Marica Campo |

Galiciae | 15 de junio de 2018

NA PARÁBOLA evanxélica do home rico e o mendigo Lázaro, aquel aparece sen nome. O cualificativo epulón, tradicionalmente empregado para referirse a este personaxe sen piedade, seica procede do nome dunha categoría de sacerdotes romanos, os epulóns, encargados de servir os épulos ou banquetes sagrados. En todo caso, esta palabra hoxe aplícase aos homes que comen moito e se entregan a unha vida regalada.

Non vou amentar a ensinanza final desta comparación que o evanxeo de S. Lucas pon en boca de Cristo. Porén recordarei que se nos presentan dous personaxes antitéticos, o que vestía de púrpura e liño e estaba decote comendo e bebendo alegremente, e Lázaro, o mendigo chagado, ansioso por coller as migallas que caían da mesa do rico. Só os cans tiñan compaixón del e lle lambían as pústulas. Non amento a ensinanza final porque non é unha cuestión de ceo ou inferno, senón de humanidade elemental ou de crueldade máxima. Refírome ao caso dos inmigrantes recollidos polo buque Aquarius ao que se lles negou a posibilidade de aportar en Italia e Malta. Como é sabido, o goberno español, nun xesto loábel, abriulles o paso para que non sucumbisen de inanición, a acrecentar o gran cemiterio en que deveu o Mediterráneo.

Por suposto que o problema non é exclusivo de Italia, Malta ou a España que se mostrou acolledora. A magnitude da traxedia supera as posibilidades de calquera país por separado. O presidente do goberno quere levar o asunto á Unión Europea para buscar unha solución conxunta. Mais a historia seguirá a repetirse mentres non se garantan unhas mellores condicións de vida nos lugares de procedencia. Cómpren axudas, cun seguimento exhaustivo para que non enriquezan a catro corruptos mentres a xente segue morrendo de fame (ou de mar, no intento de fuxir dela).

Italia e Alemaña coinciden en que hai que reforzar as fronteiras, como se manténdoa lonxe a pobreza non existise. Outros países da UE xa se cerraron a cal e canto. Europa quere ser o rico epulón.

Aínda non puiden dixerir as palabras de Albiol descualificando o novo goberno polo seu xeito de actuar neste episodio: "España no es una ONG". Teñen miga, moita miga. Delas é doado inferir que as ONGs están obrigadas a solucionar o que o capitalismo estragou e segue a estragar. Non son palabras baleiras. Os territorios do Terceiro Mundo interesan se son ricos en recursos naturais. Aos seus habitantes, que á fin non teñen nada, que os lamban os cans. O político en cuestión confía á caridade (dos outros) o que é de xustiza.

E si, malia todo, incomprendidas e criticadas, a maioría das ONGs chegan bastante antes que a xustiza debida.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /opinion/marica-campo/europa-quere-ser-rico-epulon/20180615124910034955.html


© 2019 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)