Evacuados unha muller e o seu fillo por inhalación de monóxido de carbono en Tui

Descoñécese a causa da fuga de gas. Concentrouse moito fume sen poder determinar a súa orixe, a pesar de que nese momento a cociña de leña estaba apagada

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. RAFA FARIÑA
photo_camera Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. RAFA FARIÑA

Unha muller de 52 anos e o seu fillo foron evacuados na mañá deste luns ao resultar afectados por inhalación de monóxido de carbono na súa vivenda no municipio de Tui. 

Segundo informou o 112 Galicia, descoñécese a orixe da fuga de gas á espera de que os técnicos da empresa subministradora realice unha revisión no interior do domicilio. 

Pola súa banda, os Bombeiros do Baixo Miño, á súa chegada á vivenda, realizaron as medicións correspondentes, que inicialmente deron negativas, aínda que, abundou, "fai falta comprobar o correcto funcionamento do quentador de auga, cociña e unha estufa de leña". 

Segundo indicou o alertante que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda, na vivenda, situada no Souto de Arriba, en Caldelas de Tui, concentrouse moito fume sen poder determinar a súa orixe, a pesar de que nese momento a cociña de leña estaba apagada. 

Tras recibir o aviso dun particular sobre as 9,00 horas deste luns, por parte do 112 Galicia alertouse aos servizos sanitarios de urxencia, que desprazaron unha UVI móbil ao momento. Tamén, foron informados os Bombeiros do Porriño, a Garda Civil e a Policía Local. 

Unha vez no lugar, o persoal do 061 confirmou o traslado de dúas das tres persoas que estaban no domicilio con síntomas de intoxicación por inhalación de gases, asegurou o 112. 

En concreto, o 061 desprazou ao momento dúas ambulancias e o equipo sanitario da zona. A muller R.M.G.L., de 52 anos, e o seu fillo menor de idade foron trasladados nunha ambulancia ao Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo, confirmaron a Europa Press fontes sanitarias. 

Os xestores do centro de urxencias 112 Galicia tamén informaron do sucedido ao persoal responsable da empresa subministradora deste gas.