A evolución do covid-19 obriga a pechar os albergues turísticos en Galicia

Os hoteis e outros aloxamentos poderán manter a súa actividade para persoas desprazadas por causas xustificadas
El Obradoiro, vacío. LAVANDEIRA JR
photo_camera A praza do Obradoiro. LAVANDEIRA JR

A evolución do covid-19 na comunidade e a necesidade de implantar máis medidas restritivas levou á Xunta a decretar o peche temporal ao público dos albergues de toda Galicia en pleno ano Xacobeo.

A medida, publicada no Diario Oficial de Galicia este martes, está xa en vigor e establece que este tipo de establecementos turísticos deben permanecer sen actividade, polo menos, ata o 17 de febreiro, período polo que se estenden o resto de limitacións, como o peche perimetral de todos os municipios e da Comunidade, así como a redución de reunións a persoas que convivan.

Pola contra, os hoteis e resto de aloxamentos turísticos poderán manter a súa actividade para aqueles clientes que se desprazaron a Galicia, ou entre municipios, por algún dos motivos xustificados.

Neste caso, a ocupación das zonas comúns non poderá superar o 50% da súa capacidade e poderanse facilitar unicamente servizos de hostalería e restauración para os clientes aloxados. As instalacións deportivas, como piscinas ou ximnasios, permanecerán pechadas.

Non terán actividade salgas de xogo, tendas de apostas ou casinos

PECHE A ACTIVIDADE NON ESENCIAL. Como xa estaba vixente en tres municipios con medidas restritivas adicionais -o coñecido como modelo Carballiño-, desde este mércores deben permanecer pechadas en Galicia todas as actividades non esenciais, o que inclúe a bares e locais de hostalería, que só poderán operar para servizo de recollida ou a domicilio -neste último caso cun límite de horario das 24,00 horas-. Si estarán abertos os bares e restaurantes de centros hospitalarios, de ensino ou lugares de traballo.

Tamén se suspenderán espectáculos culturais, deportivos e feirais e actividades recreativas ou de lecer e deberán pechar cines, teatros, auditorios, bibliotecas, museos, salas de concertos ou centros de lecer infantil. Non terán actividade salgas de xogo, tendas de apostas ou casinos.

LIMITACIÓNS AO DEPORTE. No ámbito deportivo, permanecerán pechados os estadios, pavillóns, pistas de patinaxe, piscinas de competición ou ximnasios. Poderán permanecer abertas instalacións deportivas que celebren adestramentos ou competicións de ámbito estatal, profesional ou non profesional, pero está prohibida a asistencia de público en calquera caso. Mantense a suspensión de competicións de ámbito autonómico.

A maiores, as persoas que realicen actividade deportiva, de forma individual e ao aire libre, deben levar sempre máscara de protección.

No ámbito deportivo, permanecerán pechados os estadios, pavillóns, pistas de patinaxe, piscinas de competición ou ximnasios

No ámbito das competicións deportivas oficiais non profesionais de ámbito estatal de modalidades que poidan implicar contacto, os equipos e deportistas galegos deberán realizar adestramentos e competición en "grupos de composición estable" e realizar test serológicos ou probas similares cada 14 días naturais.

A totalidade dos membros da expedición dos equipos procedentes doutras comunidades que se despracen a Galicia para estas competicións deben realizar test serológicos ou probas similares en orixe entre 72 e 24 horas antes do partido, proba ou competición. Deben comunicar a súa chegada e aloxamento, así como a proba, ás autoridades sanitarias.

Comentarios