Unha explosión orixina un incendio no baixo dunha vivenda en Moaña

Non houbo que lamentar danos persoais 

Unha explosión no baixo dunha vivenda en Moaña provocou un incendio que deixou danos materiais no interior da estancia, sen que se rexistrasen danos persoais. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, no soto da vivenda había bombonas de butano, aínda que polo momento, descoñécense as causas da deflagración.

Ocorreu na rúa da Lameira, á altura do número 83, ao fío das 17:05 horas. Foi nese momento cando unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do ocorrido. Indicaba, no seu relato, que ningunha persoa se atopaba ferida nin afectada.

Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Urxencias 112 Galicia puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros do Morrazo, da Policía Local e de Protección Civil. Ademais, desde o 112 Galicia informouse do ocorrido aos Bombeiros de Vigo e á empresa subministradora de gas.

Xa no almacén, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento atallaron o lume e ventilaron o baixo, sen que, ata agora, transcendesen as causas da explosión.

Comentarios