Falece o músico Iñigo Muguruza, integrante de Kortatu e de Negu Gorriak 

Tiña 54 anos 
Íñigo Muguruza. JON IRAUNDEGUI (WIKIPEDIA)
photo_camera Íñigo Muguruza. JON IRAUNDEGUI (WIKIPEDIA)

O músico guipuscoano Iñigo Muguruza, integrante entre outros dos grupos Kortatu e Negu Gorriak, faleceu aos 54 anos de idade, segundo informou Negu Gorriak na súa conta de Twitter. A través desta mesma rede social, o seu irmán Fermin Muguruza, compañeiro tamén de andanzas musicais, expresou o seu agarimo a Iñigo e mandoulle unha mensaxe de ata "pronto". 

Iñigo Muguruza Ugarte naceu en Irún (Guipúzcoa) en 1964. Irmán dos tamén músicos Fermin Muguruza e Jabier Muguruza, participou nos grupos: Desband (reconvertido en Beti Mugan), Kortatu, Delirium Tremens, Negu Gorriak, Joxe Ripiau e Sagarroi, nos que tocaba o baixo e a guitarra eléctrica. 

A parte da súa faceta musical, Iñigo Muguruza foi un artista polifacético. Dirixiu unha curtametraxe, participou na posta en escena da obra de teatro Ezekiel e escribiu un libro de relatos infantís. 

En 1984 formou, xunto ao seu irmán Fermin e Treku Armendáriz, o grupo Kortatu. Fermin encargouse de cantar e tocar a guitarra, Iñigo encargouse do baixo e Treku da batería. Integrantes do chamado 'rock radical vasco', foron pioneiros en introducir o ska en España. 

En 1990, Iñigo Muguruza incorporouse a Delirium Tremens como segundo guitarrista. Coa banda gravou Hiru Aeroplano, o seu último disco con Oihuka. O álbum foi producido por Kaki Arkarazo, quen tamén exerceu de técnico de son nos seus concertos. 

Ese mesmo ano deuse a coñecer o nacemento do que resultou ser un dos grupos vascos máis importantes dos 90: Negu Gorriak. Con este grupo (Fermin á voz e Iñigo e Kaki ás guitarras) iniciaron un rock incorporando elementos de rap e música negra (soul e funk), punk e hardcore que xa practicaron en Kortatu. 

Comentarios