Falece a profesora da Compañía de María de Ferrol ingresada por meninxite bacteriana 

A docente estaba hospitalizada no CHUAC desde o pasado mes de outubro
Fachada do colexio Compañía de María de Ferrol. GOOGLE MAPS
photo_camera Fachada do colexio Compañía de María de Ferrol. GOOGLE MAPS

A profesora de sexto Primaria do colexio concertado Compañía de María de Ferrol, que fora ingresada en outubro por unha presunta enfermidade meningocócica, de corte bacteriano, faleceu esta semana. 

Así llo trasladou a dirección do centro ás familias, a través dun sentido comunicado, no que tamén avanzan que se celebrará un pequeno acto de homenaxe para recordala. 

A docente estivo ingresada no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e aplicóuselle quimioprofilaxe tanto á ingresada como á súa contorna familiar, dado que este tipo de casos, en termos xerais, esténdense por contacto con persoas expostas a secrecións orais. 

A enfermidade meningocócica é unha infección producida por unha bacteria, o meningococo, que produce unha meninxite cando infecta as meninxes cerebrais. Cando invade o sangue e se disemina por todo o organismo pode producir un cadro máis grave, chamado sepsis. 

Os síntomas que produce son moi variados pero, en xeral, o comezo é repentino, con febre, dor de cabeza intenso, náuseas, vómitos, rixidez de caluga e, frecuentemente, manchas na pel. 

Comentarios