Falece unha septuaxenaria nun accidente co tractor que manexaba en Cabana de Bergantiños

Unha veciña de Cabana de Bergantiños faleceu este martes pola tarde despois de sufrir un accidente co tractor que manexaba no lugar de Pedrouzo.

Foi un particular quen alertou do accidente a través dunha chamada ao 112 Galicia ás 16:30 horas da tarde. Segundo indicou, a vítima puido caer do vehículo e malia aos esforzos dos equipos de emerxencias que se desprazaron alí, faleceu cando estaba sendo evacuada ao centro hospitalario.

Debido á gravidade do accidente, os servizos sanitarios de urxencia consideraron a posibilidade de mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Santiago, mas desistiron a causa das malas condicións meteorolóxicas do momento. Desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración dos profesionais sanitarios, dos Bombeiros de Carballo, do GES de Ponteceso, dos axentes da Garda Civil e dos membros de Protección Civil da localidade.

Trátase da segunda morte destas características en menos de dous días en Galicia, sumada á que se produciu en Castroverde a tarde do domingo cando un home de 38 anos faleceu tras volcar o tractor que conducía.

Comentarios