Feijóo cre que a partir do luns os brotes en Galicia "deixarán de ser noticia nacional"

O titular da Xunta considera que a oposición está a utilizar de forma partidista a situación da Mariña co Covid-19
Alberto Núñez Feijóo. EFE
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. EFE

O presidente da Xunta e candidato polo PP á reelección, Alberto Núñez Feijóo, mostrou este venres a súa convicción de que despois do luns os eventuais brotes da pandemia en Galicia non van ser continuamente noticia nacional como si está a ocorrer agora tendo en conta que a coalición En Común-Anova Mareas e Marea Galeguista anunciaron que chegarán ao Tribunal Supremo pola decisión de permitir a votación o domingo na Mariña.

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Feijóo criticou que se lle "intente meter medo á xente" para que non vaian depositar a súa papeleta, aínda que é coñecedor, dixo, de que "aos galegos, normalmente, non se lles engana facilmente".

"Teño o pálpito de que os galegos non se van a deixar enganar", remarcou, e confesou que, se hai unha participación "normal", esperará o resultado con "normalidade" e tamén "con esperanza". "¿Por que non dicilo?", deslizou.

Prometeu orzamentos en tempo e forma, mostrouse "optimista" co rural e cargou contra unha "política enerxética que está amolando" porque, ao seu xuízo, non se lle pode chamar "crise industrial" á desaparición da central térmica de Meirama e ao intento de "estrangular" ás Pontes, como tampouco confundir con Alcoa de San Cibrao, cando o que está a pasar é que a formulación do Goberno de Pedro Sánchez "é ideolóxico".

Sobre o seu futuro, e un hipotético salto ao escenario nacional, aludiu a que Galicia é o seu berce. "A miña terra, a terra onde nacín, onde me criei, e onde quero vivir".

"Examínome o domingo", respondeu a esa mesma cuestión posteriormente nunha entrevista nos Desayunos de TVE na cal, ante as consultas formuladas polo rebrote na comarca lucense, contestou que "despois do luns, os problemas dos brotes en Galicia non van ser noticia nacional" polo menos como o son agora.

Comentarios