Feijóo insta ao futuro Goberno a comprometerse coa finalización das obras do Ave no 2020

A Xunta traza a Axenda de Galicia que levará a Madrid e na que fixa 25 prioridades en materia de financiamento infraestruturas, industria, Xacobeo, e servizos públicos
Alberto Núñez Feijóo. EFE
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. LAVANDEIRA JR. (EFE)

A Xunta trazou unha folla de ruta que lle vai trasladar ao Goberno que saia das urnas o vindeiro 10 de novembro, un documento que "deixa claras as necesidades prioritarias" de Galicia. Tralo Consello da Xunta, o presidente explicou que as demandas "non son novas nin improvisadas" e que se trasladarán ao Executivo que resulte elixido, "independentemente" da súa cor política. "A novidade é pedir que se cumpra o comprometido e non creo que isto sexa moito", recalcou o mandatario autonómico. 

A "axenda de Galicia" está composta por 25 "prioridades" estruturadas en torno a cinco eixos: que o Estado "pague" o que adebeda a Galicia a través do financiamento autonómico; que "cumpra" os compromisos en materia de infraestruturas; a defensa dos sectores estratéxicos da economía galega con medidas como unha estratexia enerxética "coordinada" e un prezo eléctrico "estable"; "traballar conxuntamente" a prol da sanidade, a educación e os servizos públicos e trazar unha estratexia de cara aos Anos Santos do 2021, 2027 e 2032.

En materia de infraestruturas, a Xunta dá por feito que —á vista das conclusións do último informe elaborado por técnicos da Consellería de Infraestruturas— Galicia non estará conectada por Ave con Madrid no 2020, un compromiso que o ministro de Fomento, José Luis Ábalos, refrendara na reunión que mantivera con Feijóo en outubro de 2018, cando asumira a finalización das obras en 2019. Dando por feito este atraso, o Goberno galego insta ao Executivo que se conforme tralas xerais a comprometerse coa "finalización das obras no 2020" para que os billetes comecen a venderse no 2021.  

Nesta liña, denuncia que, a dous meses de que remate o ano, Fomento non materializará o anuncio feito no 2018 de que o tempo de viaxe a Madrid en tren se acurtaría este ano nunha hora. "Esperemos 60 días a ver se o Goberno de España nos oculta a realidade. Nada me gustaría máis que estar equivocado e pedir desculpas, pero, lamentablemente, isto non é así", constatou o presidente, que tamén se amosou convencido de que existe "un risco altísimo de incumprimento" no que toca a que o Ave a Madrid estea operativo de cara ao Xacobeo 2021.

Comentarios