Feijóo insta a Ciudadanos a aclarar se queren integrarse nas listas do PP

O líder do PPdeG pide a Cs que supere a situación de "impasse"
Alberto Núñez Feijóo. EFE
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. EFE

O presidente da Xunta de Galicia e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, instou este venres a Ciudadanos a superar a "situación de impasse" que atravesan internamente para aclarar se queren integrarse na lista do PP galego para as eleccións autonómicas. 

Nunha entrevista en esRadio, recollida por Europa Press, Feijóo insistiu na "proposta" de sumar "na proporcionalidade lóxica" que cada partido ten na comunidade autónoma. "Estamos nunha situación en que nos gustaría coñecer se quere ou non quere vir", asegurou. 

Neste sentido, o presidente galego explicou que o momento que atravesa a formación laranxa, inmersa nun "proceso precongresual" para elixir un novo presidente, fai que a negociación "non sexa fácil". 

"O problema é que Ciudadanos fixo unhas primarias para ver quen é o posible candidato aquí", apuntou Feijóo, que lamentou algunhas das "manifestacións" contraditorias dos dirixentes de Cs en Galicia. 

"O que din é que os que están na lista de (Inés Arrimadas) queren sumar pero os que están na lista de (Francisco) Igea non queren. Estamos nunha situación de impasse. Imos ver se nos podemos sentar, e niso estamos", resolveu. 

Comentarios