Ferido o condutor dun coche que se saíu da vía e ardeu por completo en Begonte

O vehículo quedou totalmente calcinado, pero o lume só afectou o coche

Arde un coche en Begonte
photo_camera Arde un coche en Begonte

Un condutor resultou ferido leve este mércores pola mañá ao sufrir un accidente o coche que conducía e incendiarse nunha estrada provincial de Begonte. Segundo informaron fontes do Centro Integrado de Atención a Urxencias de Galicia (CIAE), o sinistro produciuse pouco antes das 08.54 horas.

A saída de vía produciuse na estrada LU-P-1611, que comunica Begonte con Friol, á saída da capital begontina, cando por causas que aínda se descoñecen, o coche sufriu un accidente e incendiouse. Afortunadamente, o condutor puido saír do vehículo e recibiu os primeiros auxilios no mesmo lugar do accidente por parte do persoal sanitario.

O 112 mobilizou á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros de Vilalba, que se ocuparon de extinguir o incendio no coche. O vehículo quedou totalmente calcinado, pero o lume só afectou o turismo.