Fernán Vello: "O noso espazo político ten futuro porque proxecta ilusión na xente"

Debutou como deputado no Congreso en 2015 e a partir do 5 de abril podería facelo tamén no Parlamento galego, un cambio que afronta "con ilusión". O chairego confía na derrota de Feijóo, ve a súa coalición por diante do BNG e confía en que Beiras se implique nesta campaña
Fernán Vello. AEP
photo_camera Fernán Vello. AEP

Volve á política uns meses despois de deixar a primeira liña. Como afronta esta nova etapa?

Con grande ilusión e capacidade de entrega ao traballo, porque eu non só concibo a política como o exercicio de representación dos cidadáns senón tamén como traballo. As dúas lexislaturas como deputado no Congreso foron un auténtico máster nese sentido, cunha aprendizaxe moi a fondo da realidade lucense porque estiven en todas as frontes: na loita veciñal, empresa, portos, conflitos sociais... Foi moi enriquecedor.

Estivo conectado á política desde que deixou o Congreso ou refuxiouse nos libros e a literatura?

Formo parte da dirección de Anova, polo que houbo unha actividade política constante nestes meses, nos que seguín moi atento aos problemas, especialmente de Lugo e a provincia, algo que xa forma parte da miña ideoloxía.

Logo do paso por Madrid, desexaba probar a política autonómica?

Por suposto que si, claro. E máis sendo unha decisión colectiva, porque eu son unha persoa moi leal á miña organización e defendo que o colectivo debe estar sempre por riba das decisións individuais. Poder centrarme agora na política galega en Galicia é un gran reto e unha satisfacción.

Xa que fala de reto, cal se marca?

Traballar desde Galicia en ComúnAnova-Mareas para que o benestar dos cidadáns estea en primeiro plano. E que ese traballo e esa ilusión remate cos dez anos negros de Feijóo e o PPdeG na Xunta. É unha honra e tamén un deber.

Desde que marchei do Congreso seguín moi atento aos problemas de Lugo; é algo que xa forma parte da miña ideoloxía

A coalición electoral montouse contrarreloxo. Cando soubo que contarían con vostede en Lugo?

Foi un período intenso no que houbo unha serie de reunións ata o acordo final. Nese momento comunicóuseme a posibilidade de representar esta grande alianza das esquerdas por Lugo e eu aceptei. E fíxeno porque aínda que o lema do PP é 'Galicia é moito', eu penso que o que lle pasa a Galicia é que está de loito: no eido sanitario, educativo, económico, social, ambiental, demográfico, cultural... Nesa dimensión, esta fronte de esquerdas que é Galicia en Común-Anova-Mareas responde a esa unidade de acción política que reclaman os cidadáns, que son sumamente intelixentes. Temos claro que hai que sumar e ser transversais; e aí este espazo común é o mellor instrumento para acabar pola vía democrática coas políticas antisociais de Feijóo. Galicia precisa un novo tempo e aí están a nosa oferta, o noso traballo, a nosa responsabilidade e a nosa conciencia.

É certo que se pensou en Martiño Noriega de número un por Lugo?

Martiño Noriega é un referente político de primeira orde e ten a capacidade de representación para ser candidato á presidencia da Xunta ou para ocupar o espazo que el e o ámbito colectivo dispoñan. Pero Martiño tamén é capaz de pactar e de situarse nun plano distinto e neste caso vai de número 3 por A Coruña. E será un poderoso imán de atracción para os cidadáns, porque saben que é un político serio que cumpre.

A súa excompañeira no Congreso Alexandra Fernández cambiou para o BNG. Que lle parece?

Non me gusta falar das persoas en particular; cada quen toma o seu camiño e é responsable dos seus actos, tamén en política, e eu non teño moito que dicir. Nós estamos pola vía de sumar, de crear un polo de atracción das esquerdas en Galicia e sería importante que unha forza irmá como o BNG entrase nesa dimensión de ollar o horizonte político con potencia visual, pero non foi así. Galicia en Común-Anova-Mareas sae con todo o empeño para situarse como forza fundamental para superar o decenio negro do PPdeG.

Teme unha descomposición progresiva do espazo rupturista?

Non. Estou absolutamente con vencido de que hai un espazo, que non nace agora por xeración espontánea senón que xa logrou en 2015 seis deputados e dous senadores, que é exitoso e que a xente apoiou de forma importante. Galicia en Común conforma a recuperación dese grande espazo, no que o soberanismo está representado por Anova. Seguimos nesta teima porque cremos que é algo que proxecta ilusión na xente e permite levar a cabo políticas reais para o noso país. A nosa é unha fórmula con moito futuro.

Feijóo perderá a súa maioría absoluta e Galicia en Común-Anova vai ser a terceira forza por detrás de PPdeG e PSdeG

Que lle parece o Goberno central?

É un Goberno novo en fase de cristalización, aínda que xa tomou decisións importantes como a suba do salario mínimo. Logrou parar o ascenso da dereita e a extrema dereita, polo que é un Goberno necesario. Agora pensamos que en Galicia ten que producirse un cambio na mesma dirección e nós esperamos formar parte dese Goberno do cambio para construír unha Galicia mellor, que sexa dona de si mesma e non entregada a poderes económicos externos e que sitúe no mapa a nosa vella nación, que foi reino e ten un idioma milenario. Unha Galicia con máis futuro e máis ilusión.

Deixou en Madrid máis amigos ou máis inimigos?

Deixei moitos amigos, mesmo en organizacións políticas moi distintas e moi distantes no programa político e na ideoloxía. Mantiven unha relación moi cordial con moitos deputados porque a política debe basearse niso, nun principio de diálogo.

Vostede é amigo de Beiras. Implicarase esta campaña?

Beiras é o gran referente da política galega da segunda metade do século XX e unha potencia intelectual de primeira liña. Pero Beiras é dono da súa vida política e el saberá o que ten que facer. Eu desexo que entre en campaña e que veña a Lugo, onde é unha persoa moi respectada.

Un prognóstico para o 5 de abril?

Creo que o PPdeG vai perder a maioría absoluta e entraremos nun novo tempo no que penso que haberá un Goberno progresista alternativo, un cambio que é necesario por hixiene política e democrática. E aí Galicia en Común-Anova-Mareas vai estar presente. É difícil dar un número de escanos, pero diría que imos ser a terceira forza parlamentaria por detrás do PP e do PSOE.

Comentarios