A Fiscalía de Galicia suxire agravar as penas se se cometen en estado de alarma 

Trátase dunha "mera reflexión" que inclúe a Memoria Anual
Una furgoneta de la Policía. EFE
photo_camera Una furgoneta de la Policía. EFE

A Fiscalía Superior de Galicia suxire que "tal vez procedería reforzar" determinados delitos, a través de agravacións "específicas", en caso de cometerse baixo a vixencia de calamidades públicas ou dun estado de alarma, como o decretado en España entre os meses de marzo e de xuño de 2020 para facer fronte á pandemia do coronavirus. 

Trátase dunha "mera reflexión" que inclúe a Memoria Anual, correspondente ao ano 2019, que o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, entregou este luns ao presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices. En próximos "días", dixo Suanzes na súa comparecencia ante os medios, acudirá á Comisión de Xustiza da Cámara para explicar o documento. 

Na parte final da Memoria, á que tivo acceso Europa Press, o Ministerio Público expón varias propostas de reforma lexislativa, entre elas que se agraven as penas de determinados ilícitos, como os do patrimonio e a orde socioeconómica --furtos, roubos con forza, estafas ou danos--, así como "calquera outro afectado pola situación excepcional referida", en caso dunha epidemia. 

De feito, a Fiscalía destaca que "non é infrecuente" que a lei penal de países hispanoamericanos, entre os que cita Colombia, Guatemala e Arxentina, prevexa unha resposta "específica" ante estes contextos. 

"No fondo, trataríase de unha mera desobediencia ás ordes das autoridades competentes, que, dado o interese social de evitar unha epidemia, recibe un castigo penal especial", engade o Ministerio Público. 

Con todo, matiza que todo isto debe entenderse "como unha mera reflexión apresurada" que precisaría "estudos máis extensos, detallados e precisos, alleos á redacción da Memoria".

Violencia de xénero

Así mesmo, o documento recolle unha suxestión da Fiscalía Provincial de Ourense referida a procedementos por violencia de xénero. Neste sentido, propón unha reforma do artigo 416 da Lei de Enjuiciamiento Criminal, que establece que os cónxuxes e as persoas unidas en relación análoga co acusado --entre outros parentes directos-- están exentos da obrigación de declarar. 

E é que, tal e como explica a Fiscalía de Ourense, aínda que as vítimas de violencia machista non teñen "ningún problema" a declarar no xulgado de instrución, "non ocorre o mesmo" no xuízo, é dicir, cando "xa transcorreu un curto ou medio período de tempo desde que ocorreron os feitos". 

"Sería conveniente unha reforma lexislativa de tal precepto para evitar este tipo de situacións", conclúe o Ministerio Público. 

Comentarios