Os funcionarios da Xunta poderán teletraballar como máximo a metade do mes

A modalidade non se poderá exercer semanas completas. Os sindicatos terán ata o mércores para presentar alegacións e reuniranse con Facenda o venres para debater o texto 
Funcionarios saíndo do edificio da Xunta en San Caetano, Santiago. EP
photo_camera Imaxe de arquivo de funcionarios saíndo do edificio da Xunta en San Caetano, Santiago. EP

O borrador do acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo na Administración da Xunta recolle que os empregados públicos poderán acollerse a esta opción, como máximo, a metade das xornadas mensuais e, en todo caso, esta modalidade non se pode exercer semanas completas. 

Segundo se ten incluído neste texto, ao que tivo acceso Europa Press, e que agora será sometido á negociación sindical, o número máximo de xornadas que se poderán desenvolver na modalidade de teletraballo "non poderá superar a metade das xornadas laborais mensuais e en ningún caso se poderán prestar servizos nesta modalidade de forma continuada durante toda unha semana natural". Ademais, apunta que "un día de cada semana todo o cadro de persoal da unidade prestará servizos de forma presencial simultaneamente". 

Así mesmo, con carácter xeral, a xornada diaria de traballo "non poderá fraccionarse para ser prestada en ambas as modalidades". 

Os sindicatos recibiron este venres o borrador de proposta realizado pola Consellería de Facenda, unha adaptación que foi anunciada a semana pasada na Comisión Institucional do Parlamento e que situará a Galicia "como unha das primeiras comunidades" en adaptar o marco normativo estatal, publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE) o pasado 30 de setembro, segundo destaca o departamento autonómico. 

Segundo as fontes sindicais consultadas por Europa Press, ábrese un prazo para presentar alegacións ata o vindeiro mércores e o venres que vén sentarán a negociar ambas as partes para tratar de alcanzar un texto de consenso.

VOLUNTARIA E REVERSIBLE. A modalidade de teletraballo será voluntaria e reversible, tanto para o empregado público que o solicite como para a Administración, segundo o borrador. A autorización terá duración dun ano e prorrogarase automaticamente nas mesmas condicións mentres persistan as circunstancias que deron lugar a esa autorización. 

O texto recolle que as unidades administrativas contarán con presenza diaria mínima obrigatoria do 40 por cento dos seus efectivos e a xornada diaria de traballo non poderá fraccionarse para ser prestada en dúas modalidades –presencial e a distancia–. 

O teletraballo, ademais, será compatible en calquera das modalidades horarias –ordinaria, flexible ou especial– permitidas. Os días nos que se desenvolva a modalidade de teletraballo, o horario de referencia para as persoas que teñan autorizado o horario flexible de conciliación familiar e laboral será o comprendido entre as 9,00 e as 14,00 horas. 

Non poderán aplicarse naqueles postos cunhas funcións que esixan "necesariamente" a prestación de servizos presenciais, é dicir, os que aqueles en os que a prestación efectiva só quede garantida coa presenza física do empregado público. En todo caso, atópanse neste apartado os postos de persoal non docente en centros docentes e en centros de formación e inserción profesional, os destinados en residencias e centros de atención a persoas maiores e con diversidade funcional, centros de recepción e acollida de menores, centros especializados en atención a maiores, centros de avaliación de persoas con discapacidade, etc. 

Ademais, o borrador establece que non poderán ser desempeñados en réxime de teletraballo aqueles de oficinas de rexistro e atención e información á cidadanía; postos de persoal condutor e subalterno; postos técnicos ou administrativos de unidades con atención 24 horas –emerxencias, prevención de incendios e outras análogas–; postos que desenvolvan a súa xornada, de forma permanente, fóra das dependencias administrativas (axentes forestais, gardacostas ou similares); postos de secretarías de altos cargos; postos que impliquen manexo de información e acceso a datos non dixitalizados. 

No caso de que non se poida garantir o mínimo do 40 por cento diaria de presencialidad, seguiranse os seguintes criterios de prioridade, segundo o borrador ao que tivo acceso Europa Press: vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade, persoas con necesidades de conciliación da vida familiar e persoal, e tempo e distancia de desprazamento para o desempeño dun segundo posto de traballo, cargo ou actividade no sector público ou privado. Se unha vez aplicados estes criterios houbese colisión entre varias persoas solicitantes, tomaranse como criterio de desempate a antigüidade no posto de traballo.

REQUISITOS. Os empregados públicos que soliciten acollerse a esta modalidade de teletraballo deben estar en servizo activo, ter unha antigüidade igual ou superior aos dous anos de servizo no posto de traballo para o que se solicita o teletraballo, ter coñecementos informáticos e telemáticos, dispor dun espazo de traballo que cumpra as condicións establecidas na materia de prevención de riscos laborais e dispor de conexión a internet. 

Para que unha unidade administrativa poida autorizar a prestación de servizos a través da modalidade de teletraballo, debe poder implantarse un sistema de xestión do traballo por obxectivos ou un sistema medible de asignación de tarefas.

RECURSOS TECNOLÓXICOS. Os medios técnicos para desempeñar o posto na modalidade de teletraballo serán propiedade da Administración, que "facilitará" ao empregado público un computador, ferramentas ofimáticas, acceso ás aplicacións informáticas da comunidade, conexión cos sistemas informáticos e sistemas de firma electrónica, entre outros. 

Os recursos tecnolóxicos que se entreguen por parte da Administración serán preferentemente os mesmos que se vaian a usar nas xornadas presenciais para evitar a duplicidade de medios. 

Pola súa banda, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) facilitará aos empregados públicos que estean no ámbito de aplicación da nova regulación, a formación necesaria para unha óptima prestación de servizos na modalidade de teletraballo e para o desempeño eficiente das funcións de supervisión, prevención de riscos laborais, protección de datos ou ferramentas tecnolóxicas de traballo. 

Comentarios