A gasolina e o gasóleo soben pero custan 11% e 12% menos que hai un ano

Trátase da décima e novena subida consecutiva, respectivamente
Un surtidor de gasolina. PIXABAY
photo_camera Un surtidor de gasolina. PIXABAY

O prezo da gasolina subiu un 0,78 % na última semana, co que enlaza dez subidas consecutivas, e o do gasóleo un 1,05 %, co que encadea nove, aínda que seguen un 11,59 % e un 12,37 %, respectivamente, máis baratos que hai un ano.

Segundo datos recollidos este xoves do Boletín Petroleiro da Unión Europea (UE), o prezo media da gasolina situouse en 1,16 euros e o do gasóleo en 1,056 euros, co que a primeira retorna ao nivel de prezos que tiña na semana do 23 de marzo e o gasóleo ao da semana do 30 de marzo, cando xa se iniciou o estado de alarma polo coronavirus. 

Con estes prezos, encher un depósito medio de 55 litros con gasolina custa 63,8 euros e, se o que se enche é gasóleo, 58,08 euros, o que supón pagar 4,84 euros máis no primeiro caso e 4,09 euros máis no segundo que na semana do 4 de maio, en que os carburantes alcanzaron mínimos anuais e a gasolina baixou por última vez, pois o gasóleo fíxoo unha semana máis, ata chegar aos 98 céntimos de euro.

Desde que comezou 2020, a gasolina baixou un 12,12 % e o gasóleo, un 15,32 %. Con todo, a gasolina está agora un 3,66 % máis cara que hai un mes e o gasóleo, un 3,63 %, xa que, aínda que os prezos dos carburantes comezaron a remontar en maio, en xuño seguían aínda en niveis baixos.

Pese ao novo ascenso desta semana, a brecha cos prezos máximos que os carburantes de automoción alcanzaron en 2012 sigue sendo importante, e a gasolina é un 23,78 % máis barata que entón e o gasóleo un 26,92 %.

Comentarios