O Consello de Ministros, o primeiro tras a configuración do novo Goberno, aprobou este martes un real decreto-lei polo que as pensións, tanto contributivas como non contributivas e de clases pasivas, subirán este ano un 0,9%, con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro. O custo desta revalorización ascende a 1.406 millóns de euros, dos que 1.229 corresponden á subida das pensións contributivas.
A subida beneficiará a máis de 9,8 millóns de pensións contributivas, máis de 655.000 de clases pasivas, 451.156 non contributivas e 195.000 pensións por fillos a cargo con discapacidade maior ou igual ao 65%, segundo o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
Esta alza do 0,9% coincide coa estimación media do IPC para este ano, segundo detallou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros. O xefe do Executivo destacou que con esta medida cúmprese o compromiso de que os pensionistas non perdan poder adquisitivo. De feito, subliñou que se o IPC supera este ano o 0,9% previsto o Goberno compensará aos pensionistas a diferenza nun único pago que se producirá antes de abril de 2021. "Non haberá ningunha diminución no poder adquisitivo", asegurou o presidente na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.
Os atrasos correspondentes ao mes de xaneiro incluiranse na nómina das pensións de febreiro, segundo precisou o ministerio que agora dirixe José Luís Escrivá.
É o
Os atrasos correspondentes ao mes de xaneiro incluiranse na nómina das pensións de febreiro
Á ESPERA DE ACORDO. Precisamente, Sánchez fixo fincapé en que con esta subida "se corrixe" de novo a alza mínima do 0,25% que se aplicou durante cinco anos e que supuxo para os pensionistas perdas de poder adquisitivo. O presidente aclarou que ese teito do 0,25% que establece o Índice de Revalorización das Pensións, cuxa derrogación reclaman con insistencia os sindicatos, non foi suprimido aínda, senón só "orillado" á espera de que as forzas parlamentarias e os axentes sociais alcancen un acordo que permita revalorizar as pensións conforme ao IPC.
"Non derrogamos nada (...) Queremos un acordo no Pacto de Toledo e cos axentes sociais", indicou Sánchez, que defendeu que esta ten que ser unha lexislatura de diálogo social.
O xefe do Executivo subliñou ademais que o compromiso do Goberno de coalición é o de garantir a sustentabilidade do sistema de pensións e traballar en medidas "xustas e equilibradas" que melloren a protección dos pensionistas, facendo esta tarefa "compatible" co compromiso de estabilidade orzamentaria. Para iso, remarcou Sánchez, "tenderán a man a todas as forzas políticas".