O Goberno británico desaconsella agora viaxar a Canarias e Baleares

Actualiza as zonas españolas que recomenda non visitar este verán 
Mozos no portelo de facturación para un voo con destino Londres, na terminal T4 do Aeroporto de Madrid-Barallas Adolfo Suárez. EUROPA PRESS
photo_camera Mozos no portelo de facturación para un voo con destino Londres, na terminal T4 do Aeroporto de Madrid-Barallas Adolfo Suárez. EUROPA PRESS

O Ministerio de Asuntos Exteriores do Reino Unido actualizou este luns as súas recomendacións de viaxe e desaconsella agora visitar as illas Canarias e Baleares, ademais da España peninsular, polo risco da Covid-19. 

Na súa páxina web, o Foreign Office precisa que a recomendación cobre "todo o país", mentres que ata agora as illas estaban exentas, ao presentar menos incidencia do virus. 

Este cambio de posición prodúcese cando o Goberno británico e o español están en conversacións para crear posibles corredores aéreos que eximisen aos viaxeiros procedentes das illas de cumprir unha corentena á súa chegada ao Reino Unido. 

O Ministerio británico de Asuntos Exteriores, cuxa posición determina as pólizas de seguros, explica que a súa recomendación xeral está baseada no aumento de casos en varias zonas de España, en especial en Aragón, Navarra e Cataluña. 

Sinala que quen estean xa no Estado español non están na obrigación de regresar, senón que deben cumprir as directrices das autoridades locais, aínda que cando volvan ao Reino Unido terán que manter a corentena. 

O Goberno do Reino Unido anunciou o sábado a imposición desde o domingo dun confinamento de 14 días aos viaxeiros chegados de España, baixo pena de multa de ata 1.000 libras (1.027 euros), entre críticas do sector turístico pola falta de preaviso. 

En vista das recomendacións de entón do Foreign Office, o turoperador TUI suspendeu os seus paquetes vacacionais á España peninsular, pero non ás illas -do mesmo xeito que Jet2-, e pediu que se establezan corredores aéreos exentos de corentena a nivel rexional. 

Con todo, o subsecretario británico de Estado de Sanidade, James Bethell, sinalou este luns que "é difícil" para o Goberno do Reino Unido controlar o movemento das persoas dentro dun país, "o que dificulta facer unha lista de exencións a nivel rexional", razón pola que de entrada "non se puido eximir ás Baleares". 

Comentarios