Illa admite que aínda non hai un consenso amplo para aplicar o toque de queda

Galicia está a favor de "ter capacidade" de decretalo pero rexeita unilo ao estado de alarma
Salvador Illa. ENRIC FONTCUBERTA (Efe)
photo_camera Salvador Illa. ENRIC FONTCUBERTA (Efe)

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, recoñeceu este xoves que "non hai aínda un consenso amplo" para aplicar o toque de queda, polo que a medida seguirase valorando coas comunidades autónomas en futuras reunións do Consello Interterritorial.

En rolda de prensa tras a reunión do Consello Interterritorial de Saúde, Illa precisou que hai unha comunidade autónoma que pediu formalmente a aplicación de restricións á mobilidade nocturna, que se valorará, que é Castela e León, e outras se manifestaron a favor, pero non detallou cales.

O ministro valorou o grao de confianza de todos os que forman parte do Consello, no que as discusións son "moi francas e moi amplas", requisito para tomar as mellores decisións nun contexto "francamente complexo".

Illa insistiu en que cada conselleiro manifestou "con moita franqueza" a súa opinión sobre o toque de queda e explicou que non se estudou cal é o instrumento xurídico adecuado para implementar esta medida, polo que o debate centrouse en se era ou non adecuada: "Emprazámonos para seguir valorándoa", manifestou. 

SIMÓN. O director do Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitarias, Fernando Simón, mostrouse partidario de aplicar o toque de queda porque, ao seu xuízo, pode favorecer o control da transmisión do coronavirus. 

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitarias comentou que o toque de queda é unha medida que pode axudar a reducir a transmisión do coronavirus, a cal se está producindo na súa maioría nuns ambientes "concretos", como son as reunións sociais. 

"Controlamos a transmisión entre os temporeros, nos ámbitos de matadoiros e empresas cárnicas e conseguiuse evitar que a volta ao colexio teña un impacto excesivo na evolución da pandemia. Agora a transmisión prodúcese en ambientes concretos que fan que limitar a mobilidade nocturna poida favorecer o control da transmisión", resolveu Simón. 

GALICIA. O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, expresou este xoves que Galicia está a favor de ter "a capacidade" de decretar restricións nocturnas á mobilidade, aínda que rexeitou que esta posibilidade se vincule a un estado de alarma. 

Así o indicou durante a súa participación na reunión do Consello Interterritorial de Saúde, onde se abordou a posibilidade de impor 'toques de queda' nocturnos, como pediu algunhas comunidades, aínda que non se pechou un acordo. 

Sobre esta cuestión, García Comesaña manifestou que Galicia está "a favor de ter a capacidade de utilizar restricións" deste tipo, aínda que se opuxo a ligalas ao estado de alarma. 

Pola contra, considera que deben derivar da petición da autoridade sanitaria competente ao Tribunal Superior de Xustiza, é dicir, que se manexe no ámbito da comunidade autónoma coa xustiza de cada rexión, "sempre baseándose en criterios epidemiolóxicos"

Por outra banda, o conselleiro valorou, do mesmo xeito que o resto de comunidades, o documento de actuacións de resposta coordinada para o control da transmisión da covid-19, que foi aprobado sen oposición. 

En particular, García Comesaña puxo en valor que o documento recolla, no seu texto final, que se trata dun marco común para o desenvolvemento das comunidades e que os indicadores e restricións sexan flexibles. 

De feito, as autoridades sanitarias galegas apostan por engadir "máis indicadores" ao documento, como a urxencia hospitalaria. Sanidade considera que o problema pode estar nas comunidades con poboacións de menos de 20.000 habitantes, nas que os indicadores de incidencia acumulada "poden inducir a erro". Por iso, a consellería axustará estes indicadores e os niveis de alerta en función da poboación. 

Comentarios