Illa apoia a Caballero en Compostela: "Ten que haber un cambio"

Avisa de que o resultado "está aberto" até "o final" e subliña a prioridade de "fortalecer a sanidade"
Salvador Illa y Gonzalo Caballero, en la Plaza del Obradoiro en Santiago de Compostela. LAVANDEIRA JR. (Efe)
photo_camera Salvador Illa e Gonzalo Caballero, na Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela. LAVANDEIRA JR. (Efe)

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, chamou este xoves a romper "a inercia" en Galicia e a expresar "o que é un clamor", que "ten que haber un cambio" após as próximas eleccións autonómicas do 12 de xullo capitaneado polo candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero.

No seu primeiro acto electoral logo da desescalda, Salvador Illa visitou Santiago de Compostela para apoiar a candidatura de Caballero, de quen destacou "o ímpeto que desprende". "É moi importante que entren a gobernar persoas con ideas claras e enerxía renovada", subliñou.

"Impresióname de Gonzalo a enerxía que ten, o ímpeto que desprende, a iniciativa que ten, as ganas que ten de cambio", sostivo Illa, que subliñou a importancia de que o 12J se marque un "rumbo novo" na Xunta da man dos socialistas. "Para dar prosperidade a esta terra, para afrontar os problemas e romper unha inercia que vai facendo un lento decaemento", argumentou.

"E eu vin aquí a isto, a manifestar o meu apoio explícito e rotundo a Gonzalo e á candidatura dos socialistas", subliñou Illa, que asegurou que "os partidos se xogan até o final". "Até o final o resultado está aberto e, nunha democracia, o resultado depende do que cada cidadán meta na urna a través dunha papeleta", afirmou.

Ademais, preguntado sobre se a xestión da pandemia marcará as eleccións galegas, afirmou que tratou de facer a súa tarefa "o mellor posible", "escoitando á ciencia". "A xente ten que valorar como han ir as cousas, como se xestionaron as cousas, pero sobre todo, quen quere que goberne", indicou.

MESES "MOI DUROS"

Na súa visita a Galicia, o ministro explicou que se trata do primeiro acto electoral que realiza após o proceso de desescalada e mostrouse "moi contento" de poder apoiar a candidatura de Gonzalo Caballero despois duns "meses moi duros".

En referencia á pandemia, puxo en valor a eficacia do estado de alarma para lograr conter o virus e "beneficiar a todos os españois". "Un confinamento duro, estrito, que permitiu unha desescalada rápida e segura", declarou o ministro, que tamén puxo de relevo a "colaboración" cos gobernos autonómicos de cara ao que se chama "nova normalidade".

Ademais, tamén aproveitou para subliñar o esforzo feito polo Executivo estatal para "que ninguén queda atrás" na crise económica derivaba da pandemia, unha cuestión que, na súa opinión, supón "unha gran diferenza" co feito polo goberno do PP na anterior crise.

FORTALECER A SANIDADE

Pola súa banda, o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, agradeceu ao Goberno do Estado que puxese a defensa da saúde por encima de calquera cuestión.

Ademais, volveu a trasladar o seu compromiso de fortalecer a sanidade pública galega após 11 anos de recortes do PP e comprometeuse a convocar 5.000 novas prazas para profesionais sanitarios. 

Comentarios