Illa Bufarda prepara 'O Dentón', un documental 'alucinante' sobre o 'volframio vexetal'

Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, responsables do exitoso Fíos Fóra, presentaron o proxecto e unha campaña de micromecenado

Cartaz promocional do proxecto de O Dentón.ILLA BUFARDA
photo_camera Cartaz promocional do proxecto de O Dentón.ILLA BUFARDA

A produtora creativa Illa Bufarda, integrada por Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, lanza un novo proxecto de longametraxe documental O dentón, que analizará o percorrido ao longo do século XX deste fungo do centeo –tamén coñecido como o caruncho do centeo–, cuxas implicacións históricas influíron nos campos da antropoloxía, a farmacoloxía, a botánica, a economía ou a medicina.

Tal foi a súa pegada na economía familiar en determinadas zonas galegas que mesmo se chegou a bautizar ao dentón co sobrenome do volframio vexetal, polo gran número de persoas dedicadas a súa recolección. Unha recolla que, ademais, estivo estreitamente vinculada ao nacemento de Zeltia e coa aparición do LSD a nivel mundial, xa que a partir do dentón se pode sintetizar este ácido alucinóxeno. 

Illa Bufarda iniciou en 2018 o proceso de documentación e guión grazas ao financiamento da Deputación da Coruña co programa de subvencións destinado a entidades lucrativas para a produción de proxectos singulares de especial interese cultural. Tamén contan co apoio do Museo do Pobo Galego, a Sociedade Antropolóxica Galega e a Asociación de Estudos Históricos e Sociais Hume. Todo o proceso de documentación está sendo aberto, participativo e pódese seguir no web www.odenton.eu 

Campaña de micromecenado
Para completar o financiamento de O dentón, Illa Bufarda pon en marcha unha campaña de micromecenado que se iniciou este luns a través da plataforma www.goteo.org (http://goteo.cc/odenton).

O documental foi presentado este mércores no Museo do Pobo Galego. Durante o acto, Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva explicaron as chaves de O Dentón, expuxeron os resultados desta primeira fase e detallaron a xa citada campaña de micromecenado. 

Entre algúns dos detalles que se adiantaron de O Dentón, destaca a participación do Modulador de Ondas, proxecto creado por Paulo Pascual, compositor, thereminista e guitarrista que se encarga de crear a banda sonora orixinal para a fita. O seu primeiro LP Planeta Theremin foi estreado en novembro do 2018. 

Illa Bufarda desenvolve proxectos audiovisuais dende o ano 2012. Entre os seus filmes, destaca Fíos Fóra, historias de obreiras e patróns, que tivo moita repercusión hai catro anos con numerosas proxeccións a nivel internacional. Pódense ver todos os seus traballos no web www.illabufarda.gal 

Comentarios