Opinión

Imaxina

Seguro que sabía John Lennon, quen por morrer asasinado hai 40 anos non celebra os 80, que o mundo estaba sumido na II Guerra Mundial no momento de el nacer en Liverpool. Tal vez escoitara que, unha semana antes, os alemáns afundiran o buque Empress of Britain, no que evacuaban a Canadá case cen nenos para afastalos do perigo. Distaban 600 millas de Liverpool, onde embarcaran.

Non sei se chegou a coñecer que, naquela data, Lluís Companys, presidente da Generalitat até a caída de Cataluña baixo as tropas franquistas, agardaba o cumprimento da condena a morte, cousa que acontecería seis días despois no castelo de Montjuich. Non sería a única nin a derradeira dunha posguerra cruenta nun réxime asasino. En todo caso, si que tería noticia da guerra española do 36. For Whom the Bell Tolls (Por quen dobran as campás), de Ernest Hemingway, que fala da contenda, publicouse tamén en outubro de 1940.

Os bombardeos secretos de Laos e Camboia (1969), na guerra de Vietnam, que Nixon non se resignaba a perder e, por tanto, a abandonar a loita como lle pedía boa parte do pobo americano, foron descubertos polo The New York Times e provocaron a coñecida reacción de Yoko Ono e John Lennon, recentemente casados: trocar a viaxe de vodas por unha protesta desde o leito, onde recibían á prensa e desde onde enviaban as súas mensaxes pacifistas. Encamados no hotel Queen Elizabeth de Ottawa (non puido ser en New York porque Lennon tiña prohibida a entrada nos USA), contestaron á pregunta dun xornalista verbo do que pretendían: "O que dicimos é: deámoslle unha oportunidade á paz".

Foi deste episodio de onde saíu a coñecida Give Peace a Chance que leva como retrouso "Todo o que dicimos é: deámoslle unha oportunidade á paz".

Marcada a súa vida por guerras nas que non participou, o exBeatle representaba todo o contrario. Imagine (1971), composta polo matrimonio e interpretada por John, é a utopía da paz e unidade mundiais feita canción. A súa tese ben podería casar coa da novela do correspondente norteamericano antes citado: calquera morte nos atinxe porque somos parte dun todo. As campás sempre dobran por nós.

Paradoxalmente, ben o saben, Lennon tivo unha morte violenta. Triste sino de moitos e moitas pacifistas e loitadores polos dereitos humanos, desde Cristo até a brasileira Marielle Franco, pasando por Gandhi, Martin Luther King ou a rusa Anna Politkóvskaya.

As guerras seguen e o escepticismo e desconfianza da condición humana semellan a única oferta que nos fai a lóxica. Porque, se a historia da humanidade está trufada de conflitos bélicos, non é doado pensar que o mundo cambiará. Porén, máis que nunca, soñar é unha obriga.

Comentarios