O Hospital Veterinario 4 de Outubro, de Arteixo, implantou por primeira vez en Galicia unha pata biónica a un can. Trátase dunha pastor alemán de cinco anos e chamada Zeta que sufría unha displasia de cadeira, unha enfermidade dexenerativa que lle causaba coxeira e moitas dores.
En rolda de prensa, os responsables do centro veterinario explicaron que a intervención consistiu en substituír a articulación enferma por unha prótese articular mecánica de titanio, que lle permitirá facer unha vida normal.
"Logo de comprobar que non respondía o tratamento habitual con analxésicos e antiinflamatorios, decidiuse que a mellor opción para o paciente era a cirúrxica", explicou sobre este caso Andrés Somaza, responsable da Unidade de Traumatoloxía do hospital.
A intervención para substituírlle a Zeta a súa articulación enferma por unha de titanio durou case tres horas
A intervención cirúrxica durou case tres horas e consistiu en substituírlle a Zeta a articulación enferma por unha prótese de cadeira de titanio personalizada e formada por tres pezas intercambiables.
Tras esta intervención, a directora do Hospital Veterinario 4 de Outubro, Paloma González de Ramos, anunciou que o complexo veterinario coruñés xa iniciou o proceso para formar a profesionais neste tipo de intervencións.
"O noso obxectivo é que Galicia dispoña dunha unidade veterinaria especializada en implantar este tipo de prótese e que se poida facer de forma habitual", engadiu.