Ingresada unha profesora de Ferrol por un posible caso de meninxite bacteriana

Os alumnos non teñen que tomar ningún medicamento nin antibiótico, nin tampouco cambiar "a súa rutina"
Chuac. EP
photo_camera A profesora está hospitalizada no Chuac. EP

Unha profesora de sexto Primaria do colexio concertado Compañía de María de Ferrol atópase ingresada desde o pasado xoves no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) por unha presunta enfermidade meningocócica, de corte bacteriano.  A dirección do centro educativo, unha vez que se tivo constancia do caso, convocou aos pais e nais a unha reunión que se celebrou na mesma tarde do xoves, na que se informou do protocolo de actuación facilitado por Sanidade. 

Segundo o texto, o contaxio só se produce cando existe "unha relación moi intima" e que "só un número moi pequeno de persoas en relación estreita cos portadores da infección desenvolven a enfermidade meningocócica". Por iso, os alumnos non teñen que tomar ningún medicamento nin antibiótico, nin tampouco cambiar "a súa rutina". 

Así mesmo fontes consultadas trasladaron que se aplicou quimioprofilaxe tanto á ingresada como á súa contorna familiar, dado que este tipo de casos, en termos xerais, esténdense por contacto con persoas expostas a secreciones orais. 

Nun primeiro momento a docente foi ingresada no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, pero a finais da pasada semana foi trasladada ao centro público situado na cidade da Coruña. 

A enfermidade meningocócica é unha infección producida por unha bacteria, o meningococo, que produce unha meninxite cando infecta as meninges cerebrais. Cando invade o sangue e se disemina por todo o organismo pode producir un cadro máis grave, chamado sepsis. 

Os síntomas que produce son moi variados pero, en xeral, o comezo é repentino, con febre, dor de cabeza intenso, náuseas, vómitos, rixidez de caluga e, frecuentemente, manchas na pel. 

Comentarios