Investigan a violación a un menor con Asperger polos seus compañeiros de instituto

O menor, de 13 anos, habería sido violado por catro alumnos de entre 14 e 15 anos do seu mesmo instituto, en decembro do ano pasado
Col·legi del Roser de Vallirana GOOGLE MAPS
photo_camera Col·legi del Roser de Vallirana. GOOGLE MAPS

Os Mossos d'Esquadra investigan unha suposta violación a un menor por parte dun grupo de compañeiros de instituto de Vallirana (Barcelona), que a súa familia denunciou en decembro do pasado ano.

Segundo informaron fontes próximas ao caso, a familia do menor denunciou ante os Mossos o 17 de decembro pasado que o mozo fora violado por un grupo de catro alumnos de terceiro de ESO, de entre 14 e 15 anos de idade. Na denuncia, que foi ampliada en xaneiro deste ano, os pais do neno tamén relataban que o menor fora obxecto de insultos e ameazas por parte dos seus compañeiros de instituto ata que finalmente abandonou o centro en febreiro.

A Oficina de Atención ao Menor dos Mossos d'Esquadra mantén aberta a investigación sobre esta denuncia por agresión sexual, en colaboración coa Fiscalía de Menores. Os feitos ocorreron no Col·legi do Roser de Vallirana, un centro concertado que ofrece educación infantil, primaria e ESO. Fontes do equipo directivo do centro educativo confirmaron que tiveron coñecemento da presunta agresión o pasado mes de novembro de 2018.

A partir dese momento, o centro educativo afirmou que se aplicaron os protocolos que están estipulados en caso de acoso escolar e que puxeron o caso en coñecemento da Inspección de Educación. As mesmas fontes rexeitaron dar máis detalles do caso, argumentando que se atopa baixo segredo do sumario, aínda que si recoñeceron que seguindo os protocolos reforzaron as medidas de protección á vítima.

Comentarios