Italia reduce os novos contaxios nunha xornada con menos mortes que España 

O país acumula 7.503 falecidos por coronavirus tras sumar 683 en vinte e catro horas
Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
photo_camera Control de temperatura nunha estación de Milán. EFE

O número de mortos co coronavirus en Italia situouse este mércores en 7.503, ao rexistrarse 683 en vinte e catro horas. É unha cifra inferior á do día anterior e, por primeira vez desde o inicio da crise, inferior á rexistrada no mesmo tempo en España, que contabilizou 738 falecementos nun día. O total español, onde a crise se endureceu algo despois, é aínda inferior ao de Italia porque o balance divulgado na mañá deste mércores recolle 3.434 vítimas mortais.

No país transalpino, onde se curaron algo máis de 9.300 persoas, os casos positivos ascenden a 57.521, que son 3.491 máis que o martes, co que baixan por cuarto día consecutivo os novos contaxios, atendendo aos datos ofrecidos por Protección Civil. En España, mentres, hai 47.610 infectados, 7.937 máis nun día.

Este mércores, o xefe da Protección Civil italiana, Angelo Borrelli, presentou a primeira hora síntomas febrís, polo que tivo que abandonar o organismo e non ofreceu a rolda de prensa diaria coa que ata agora comunicaba os datos actualizados desta urxencia.

No seu lugar, o subdirector da institución, Agostino Miozzo, deixou claro que Italia está nun momento crucial para intentar superar o pico de transmisións e comezar a frear a pandemia, algo que se verá nos próximos días.

A rexión máis afectada segue sendo Lombardía, con 32.346 contaxios totais e 4.474 falecidos, seguida por Emilia Romaña (10.054 contaxios), Véneto (6.442) e Piamonte (6.024).

Comentarios