Imprimir

Juan Tallón no silencio de Waterloo

Jaureguizar / O Cabaret Voltaire | O Cabaret Voltaire

Jaureguizar / O Cabaret Voltaire | 23 de abril de 2018

O escritor ourensán Juan Tallón vén de publicar Salvaje Oeste, unha novela sobre o Waterloo que representou a crise en España

Monsieur Moret of the 2nd Regiment 1814/15AS NOITES DESTA semana foron eternas. As lúas novas son intrigantes, inclinadas ao crime; pero tamén son noites de ceo opaco, e, polo tanto, discreto e fiel. Cando era tardiamente novo, nos 90, aproveitaba as lúas novas para ir ver cinema negro a algún cinema deshauciado de Santiago. A derrota das salas era tan exitosa e completa que todo importaba un selo de Correos aos propietarios. Programaban El halcón maltés ou Los violentos años 20 desprezando á billeteira. Os videoclubs colleran a Sam Spade pola garavata para asfixialo.

Unha tarde que era un cadáver de primavera o escritor Juan Tallón (Vilardevós, 1975) confesoume que frecuentaba a biblioteca municipal de Ourense. Eu tamén visito decotío a miña biblioteca pública, en Lugo. Como non reaccionei, subiu a aposta: "Sigo indo ao videoclub. Mesma nesta altura do século XXI". Resultoume emocionante. Hai que ter unha amable conciencia para usar a tarxeta verde pistacho dun videoclub. Baudelaire non daba alternativa: "Nestes tempos soamente se pode ser socialista ou dandi". Non acertou a engadir "ou socio dun videoclub" porque aínda estaban por crearse eses lugares tan horrendos nos que as obras mestras de John Huston son plastificadas e clasificadas como se fosen documentos sobre o Irangate.

Estou convencido de que Tallón aluga El halcón maltés ou Los violentos años 20 coa única e benevolente intención de que o señor do seu videoclub non se desplome tras o mostrador sen que ninguén o advirta ata dous días despois. Os veciños alegarían que non notaron a ausencia porque era reservado como unha lúa nova. Pero non me creo que Tallón vexa eses filmes, porque soamente le.

O primeiro que fixo Juan Tallón pola lectura cando tivo un salario foi poñerlle un piso en Santiago aos seus libros

"Estudei Filosofía porque era a carreira que me deixaría máis tempo para ler", díxome unha vez na Praza do Concello de Ourense, que está tan inclinada que parece que os edificios van rodar por ela. "O propio para ti era un Inef de toda a vida, Juan".

Pero gañou esa batalla. O primeiro que fixo pola lectura cando tivo un salario foi poñerlle un piso en Santiago aos seus libros. Ben, non en Santiago; senón no Milladoiro, que é discreto, como se fose un conselleiro coa universitaria que ama. Nesa casa debe de gardar tres ou catro mil volumes, que, a diferenza dos conselleiros, si que leu.

Na casa de Ourense déitase ler nunha chaise longue freudiana. Nela vai recibindo os seuslibros para que lle conten os seus transtornos. Tras deitarse nesa cadeira, mira un punto no teito no que se concentran pasado, presente e futuro; como na teoría de Bergson, que era profesor de Estética e Metafísica de Proust. Os libros son sabios e xordos, os libros son tan perfectos que soamente lles falta falar; pero a Tallón non lle importa que calen porque sabe que o silencio é perfecto.

Nunca derrocha unha palabra. Todo o que di é reflexionado e certeiro. Mira para ti seriamente, tratando de clasificarte nun personaxe de novela. Xestiona un catálogo de persoas como quen manexa unha app de peiteados. O escritor ourensán fala como come: pouco e valorado. Asoma ao prato, decide atacar por este franco ou por estoutro. Picotea e retírase, como unha guerrilla do 2 de maio.

Telefónica contrataba xornalistas de sucesos para que lle escribisen as guías de teléfonos

Durante un tempo foi redactor de Sucesos. Os periodistas de crimes son os tipos capaces de meter máis datos nunha frase e, sobre todo, de facelo máis rápido. Telefónica contrataba xornalistas de sucesos para que lle escribisen as guías de teléfonos. Pasaban semanas entre o A e o Z, con todos os garcía atascándoos na parte central e os pérez exásperandoos porque pensaran que logo remataban.

Tallón pasou por Prensa do Parlamento Galego, onde se escribe a crónica grisácea deste país inconsolable co estilo vitoriano que lle imprimiu Fraga ao Diario Oficial de Galicia.

Tempo máis tarde, o escritor ourensán marchou a Madrid para poner palabras de xustiza na boca dun ministro. Madrid estropea o estilo. Un partido encargáronlle redactar un programa electoral. Decidiu poñerse constituínte. A única vez que se consentiu escribir mal caeu unha maioría absoluta.

Agora escribe en moitos periódicos, algúns son periódicos de verdade —coa súa páxina do esquelas e o seu horario de autobuses— e outros se len pasando cun dedo pola pantalla dun móbil. Ese xesto non ten nada de novidoso. Antes, os lectores chuchaban na punta do índice para pasar as follas.

Como Madrid perxudica o estilo, Juan Tallón quedou na retagarda ourensá de ximnasio e sesta, dende onde escribe novelas sobre Madrid.

Agora sabe que non quere ser autor. Leulle o razomento a Tolstoi en Ana Karénina: "Unicamente había un erro, que era agardar atopar a felicidade no cumprimento dos seus desexos, de cada desexo". El é escritor dende hai varios libros e milleiros de columnas, pero déitase feliz porque pode soñar co desexo de selo.

Pola mañá, tan cedo como retiran o toldo da noite, empeza a teclear. Medio aturdido, para non ser consciente de que o desexo é un xogo que non concede prórrogas.

O novelista de Vilardevós é marcadamente disciplinado. Non me explico doutro xeito que poida soportar partidos de baloncesto do COB Ourense, con esas horas que son como o Lázaro bíblico e prolongan a súa duración resucitando en tempos mortos. O deporte tamén é unha expresión da súa fidelidade: mantén un abono anual no estadio Wanda para ver o seu equipo empatando en bucle.

Preguntábaslle: "Tallón, que?". Juan contestaba: "Estou en Waterloo, Jaure"

Nos últimos anos redactou unha novela longa, de final diferido, como se fose unha broma infinita de Dolores de Cospedal. Quedabas con el no Latino de Ourense e preguntábaslle con expresividade: "Tallón, que?". Juan miraba para o ceo —un pouco máis arriba do despacho de Baltar— e contestaba: "Estou en Waterloo, Jaure". E volvía a arrouparse co seu silencio.

A súa última obra chámase Salvaje Oeste e vén de editala Espasa. O tema é a corrupción, esa enfermidade moral e exquisita do capitalismo. Tallón dedica ese libro a falar da separación de poderes en España. Tarda 600 páxinas, as 600 páxinas máis luxosamente escritas nunha vida ourensá, en reparar na decepcionante verdade.

Os personaxes da novela son o palco do Bernabeu, a cocaína en bandexas, as tarxetas de lúa nova e os vellos que son expatriados dos seus fogares para especular. Os vencedores de Salvaje Oeste asumen que os medos maiores do home son o estreñimento, a fame e o cárcere; pero tamén son conscientes que poden evitarse a nada que se reúnan os cartos precisos.

Juan Tallón, como calquera outro poeta, sabe cubrirse de lúas de ironía para que non o queime a realidade. Pero soamente usa a retranca imprescindible en Salvaje Oeste. A broma eterna da corrupción en España consistiu en que case ninguén tivo que responsabilizarse do saqueo.

O propio escritor lembra na novela a fin da película El halcón maltés. Despois de que se sucedan os asasinatos, as traizóns e as malas caras, sábese que a figura do Falcón Maltés non é unha valiosa xoia da Orden de Malta, senón unha peza de xeso. Como a mesma España, que empezou a decadencia cando os videoclubs perderon a clientela que respiraba socialdemócrata e baudelariano. Napoleón perdeu Waterloo cando se lanzou a atacar e a Grande Armée quedou atoada no fango. A Historia tamén ten o seu lodo no leito do seu curso.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /blog/jaureguizar-cabaret-voltaire/juan-tallon-silencio-waterloo/20180422215649030377.html


© 2020 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)