Monção presume de su Alvarinho de este lado de la Raia

"Quero brindar polos 1.500 homes e mulleres que traballan a reo por este produto", dixo Julio Meirinhos, vicepresidente de Turismo do Porto e Norte de Portugal. E é que o evento que veu presentar a Compostela, a Feira do viño Alvarinho de Monção, vai dedicada a eles.

Esta vila, ubicada no distrito de Viana do Castelo, pegada a outra cuxo nome quizais soe máis por celebrar alí un coñecido festival de música, o de Paredes de Coura, 'presume' de ser o berce do Alvarinho e leva festexando o bo sabor deste néctar desde hai xa trece anos. Por que promocionar a feira do lado norte da raia? José Emilio Pedreira, alcalde de Monção, explicou ben o motivo: "Sabemos que aos galegos lles gusta o bo viño e a boa convivencia, por iso queremos convidalos a gozar de tres días de benestar en comuñón coa natureza e con este produto". Pero Pedreira foi máis aló. Está tan convencido de que o evento gustará aos irmáns galegos que asegurou que "non só non se van arrepentir de ter ido ese día, senón que voltarán máis veces".

Do viño viven, como indicou Meirinhos, máis de mil produtores nos municipios portugueses de Monção e Melgaço, unha rexión na que practicamente só se colleita a uva. "Unha poboación enteira traballa para un produto", espetou Aleixo Caldas, presidente da Asociación de Produtores de Alvarinho de Portugal. Ata 37 empresas comercializan esta bebida, e cultívanse entre seis e sete millóns de quilos de uva ao ano, dos cales ao redor de 1,5 van parar á produción vinícola. "Só os mellores lotes van para o viño", recalcou Caldas.

Un programa festeiro ao gusto dos galegos
Ao par do Alvarinho medraron no norte luso as rotas do viño verde, que, ademais de degustar este produto, permiten coñecer o traballo que se pasa desde que se planta a vide ata que se sirve na copa. E para rematar de 'vender' o seu produto, o vicepresidente de Turismo do Porto e Norte lembrou os encontros alén do Miño de dous ditadores, o español Francisco Franco e o portugués António Salazar: "Se bebesen Alvarinho de seguro que contaban cousas moito máis interesantes para a vida pública", dixo entre risas.

Buscando o visto e prace dos galegos a esta festa, o vicealcalde de Monção, Augusto Oliveira, debullou as liñas máis destacadas do programa festeiro pensado para eses tres días. O primeiro espectáculo que quixo destacar foi a presenza de varias charangas: "Cando vimos a Galicia entendemos que é gusto voso a animación que fan [estas agrupacións]", informou. E o outro prato forte que, segundo Oliveira, será agradable aos oídos galegos é a música de Quim Barreiros, coñecido artista portugués que saltou á fama polas súas letras de dobre sentido, como a arquicoñecida 'Cabritinha'. Barreiros actuará o primeiro día, o 2 de xullo, ás dez da noite.

O cabrito, a 'foda' de Monção
Pero non só de viño se vive na festa do Alvarinho de Monção. Quen non goste deste saboroso zume de uva non ten escusa para non cruzar a Raia eses tres días. E de convencelos ocupouse, como non, o alcalde, José Emilio Pedreira. Deixando claro de antemán que "non son un bo cociñeiro", fíxolles a boca auga aos asistentes á presentación do evento ensinando a receita do cabrito 'á moda de Monção'.

Dourado ao forno, acompáñase con arroz previamente bañado no mollo da carne "para darlle un sabor especial a este prato, de alto contido calórico pero moi saboroso", asegurou Pedreira. Tanto traballo dá preparalo que a receita sufriu unha pequena variación no seu nome e xa se coñece como 'a foda de Monção', lembrando de paso os enganos dos tratantes de gando nas feiras.

Comentarios