Opinión

M. A xestación do fascismo

O FERREIRO chamou ao fillo Benito, por aquel indio Juárez que chegou a presidente de México. A M é de Mussolini, que chegou a presidente da Italia resentida polo reparto do botín entre os vencedores de 1ª Guerra Mundial.

M. El hombre del siglo. Se fora novela, debera estar prohibida: 800 páxinas! Pero non, é a historia novelada do fascismo ou a fascinación que provoca o horror ao longo do relato demoledor. De 1919 a 1925: conquista do poder, aplastamento da disidencia e dominio total sobre o Estado fascista. O violento monstro nacionalpopulista e o totalitarismo propagouse como virus letal. Borrou do mapa ideais de liberdade, igualdade e fraternidade. E arrasou a democracia coa contundente ferramenta da violencia e do medo.

M é a gran novela do fascismo. E dun bufón excesivo, hipnótico, baldeiro. De fracasado líder socialista a marioneta vociferante. Levou Italia á destrución e deixou latente unha semente velenosa.

A capacidade de atracción deste histrión chamou a atención desde o principio polo perigo de se converter nun caudillo e nun temible matón usando a brutalidade dos fascios de combate. Coa complicidade do diñeiro e do poder, apaleaban adversarios e queimaban casas cun odio e unha ferocidade que poucos foron capaces de enfrontar.

A linguaxe é polémica, xornalística. Novela documental e monumental, relato épico e crónica de cómo nace unha ditadura. O imposible ocurriu. País vitorioso na Gran Guerra, Italia pagou un prezo humano e económico incalculable. Descontento e xenreira nos que volvían das trincheiras. A desesperanza foi dirixida cara ao entusiasmo suicida das bandas da porra. Camisas negras desfilaban inundando de medo pobos e cidades. Asombra que en tan poucos anos uns centos de desarraigados foran quen de se converter nunha xigantesca masa ouleadora, sen rostro. O xenio político dun oportunista inflamou e aproveitou a súa violencia sistemática para tomar o poder nas cidades do norte de Italia con porradas, coitelos e lume. Tras a marcha sobre Roma en 1922 Mussolini chega ao goberno e elimina os adversarios. Hai un cambio de peóns: onte socialistas, agora entusiastas fascistas.

O fascismo é a antipolítica. No futuro próximo terá afervoados seguidores. Polo contido agresivo e totalitario. Ausencia de ideoloxía. Polo seu tacticismo. Un século despois volven algúns líderes fortes, a violencia da mentira, o desmesurado uso do odio esvarando polas cloacas das redes que dan voz a matóns. O home que fachendeaba de seiscentas amantes dicía que a masa é como a muller, gústalle que a dominen. Pode horrorizar, moitos aplauden.

Cómpre ler, aprender, recordar. Sen dúbida, esta lectura éche vacina eficaz que inmuniza contra o fascismo. M. El hombre del siglo, de Antonio Scurati.

Comentarios