Madrid notifica un descenso de casos que Sanidade achaca ao atraso en rexistros

Os contagios notificados nas últimas 24 horas descenderon ata 162 fronte aos 1.005 do venres
Isabel Díaz Ayuso. EFE
photo_camera Isabel Díaz Ayuso. EFE

A Comunidade de Madrid, onde seguen vixentes as restricións de mobilidade que comezaron o venres en dez grandes municipios, incluída a capital, comunicou un esborralle dos casos de coronavirus das últimas 24 horas que o Ministerio de Sanidade achaca a un atraso nas notificacións.

Os contagios notificados nas últimas 24 horas na Comunidade de Madrid descenderon ata os 162 fronte aos 1.005 do venres, último día de publicación de datos, aínda que a estes casos hai que engadir outros 726 que datan de días anteriores e foron incorporados agora ao reconto.

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitarias (CCAES), Fernando Simón, atribuíu esta baixada ao atraso nas notificacións, algo que considera normal cando hai un incremento da incidencia acumulada debido " presión sobre as persoas" que teñen que facer esas notificacións.

Ademais, comentou que Madrid empezou a usar test antígenos en lugar dalgunhas probas PCR "fai 10-12 días" e "con máis importancia" a finais da semana pasada, e "ao non estar ben adaptado o sistema de vixilancia, non están a chegar todos os datos" cos resultados.

Na cuarta reunión do Grupo Covid-19 que terá lugar este martes abordarán este asunto cos responsables do sistema de notificación da Comunidade de Madrid coa confianza de aclarar "a situación en breve".

"O ideal e o que oxalá sexa así é que haxa un descenso na incidencia acumulada real e que non sexa un artefacto de notificación", engadiu Simón na rolda de prensa celebrada tras a reunión Comité de seguimento do coronavirus, na que participou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e onde se analizaron as últimas cifras da pandemia.

Pola súa banda, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, avanzou que neste grupo falarán de xestión e sobre aspectos concretos, como o número de rastreadores, medidas en Atención Primaria e os esforzos que se están facendo para cerciorarse de que se seguen as corentenas.

A creación do Grupo Covid-19 foi o único acordo concreto alcanzado entre Pedro Sánchez e Isabel Díaz Ayuso

"Impórtanos moi pouco, é dicir, nada, todo o que non sexa a saúde dos cidadáns", pois "estamos para salvar vidas", dixo o ministro tras semanas de enfrontamentos co goberno da Comunidade de Madrid.

A creación do Grupo Covid-19 foi o único acordo concreto alcanzado entre o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, no encontro mantido o pasado 21 de setembro para coordinar estratexias contra o coronavirus.

Intégrano Illa; a ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias; o vicepresidente e portavoz da Comunidade de Madrid, Ignacio Augado; e o conselleiro madrileño de Sanidade, Enrique Ruiz Escudero.

O novo encontro terá lugar tras a entrada en vigor o pasado venres das restricións en dez municipios madrileños, incluída a capital, unhas medidas decretadas polo Ministerio de Sanidade e que a Comunidade de Madrid acatou aínda que recorreu ante a Audiencia Nacional pedindo ademais a súa paralización con medidas cautelares.

Á espera de resolver este recurso, a Audiencia Nacional xa rexeitou este luns as medidas cautelarísimas que pediu un avogado ao estimar que non hai razóns de especial urxencia para adoptar unha suspensión da orde sen ouvir á outra parte, que neste caso sería a Avogacía do Estado.

Polo tanto, as restricións continúan de momento en marcha, aínda que Illa advertiu de que se non dan resultado haberá que incrementalas, xa que o obxectivo non é estabilizar os contagios senón dobrar a curva e chegar a unhas incidencias "idealmente" de 50 casos por 100.000 habitantes. 

A Comunidade de Madrid pediu a ratificación destas restricións no Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, do mesmo xeito que as que entraron en vigor este luns en tres zonas básicas da rexión seguindo a estratexia do Goberno madrileño: Reyes Católicos (en San Sebastián de los Reyes), Humanes e Villa del Prado.

As restricións de mobilidade apenas se notaron no primeiro día laborable

Coa ratificación xudicial poderán empezar a aplicarse sancións por incumprir estas medidas, que en todos os casos son moi similares, xa que non está permitida a entrada ou saída nestes lugares salvo por motivos xustificados e hai máis restricións de aforamentos e horarios en establecementos comerciais e hostaleiros. 

A diferenza é que nas zonas sanitarias os parques non poden abrir e nos dez grandes municipios madrileños si.

O conselleiro madrileño de Sanidade, Enrique Ruiz Escudero, reiterou a súa crítica ás medidas impostas polo Goberno porque "ao tratar Madrid capital como unha única poboación aumentouse a mobilidade en zonas onde xa descendía o número de contagios".

Aínda que as restricións de mobilidade apenas se notaron no primeiro día laborable, xa que os desprazamentos por traballo son unha das excepcións previstas, si tiveron resposta polas súas consecuencias económicas.

A asociación Hostalería Madrid cifrou en 8 millóns de euros o impacto este fin de semana da redución dos horarios dos bares e restaurantes, que agora deben pechar ás once da noite. 

Comentarios