Máis de 160 concellos galegos interesados en adherirse ao plan contra a velutina

O proxecto está desenvolvido por Xunta de Galicia e Fegamp
Nido de avispa velutina. DAVID FREIRE
photo_camera Niño de velutina. ARQUIVO

Máis de 160 concellos galegos mostraron xa o seu interese en participar no programa da loita contra a avispa velutina coordinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). 

Segundo informa o Goberno galego, todas estas entidades locais expresáronlle que lles gustaría "unirse de forma voluntaria" a esta iniciativa, para o que teñen de prazo ata o vindeiro martes, 31 de decembro. 

De feito, a Xunta reactivou ao longo desta semana o contacto coa Fegamp —que conta cunha dirección renovada— co obxectivo de que estender o plan a todo "o territorio" da Comunidade, para que "poida estar operativo ao longo do próximo mes de xaneiro". 

A Administración autonómica e a institución municipalista acordaron o pasado outubro pór en marcha de xeito coordinado e conxunto esta iniciativa que conta cunha dotación de 2,3 millóns de euros, a través de fondos propios tanto da Xunta como do Fondo de Cooperación Local. 

Ata agora, estas actuacións son levadas a cabo de forma directa con medios propios dos 124 concellos colaboradores

Este plan de loita contra a velutina baséase en concentrar os recursos para "eliminar os seus niños" —labor que compete ao propio Executivo autonómico en colaboración cos municipios— e "ofrecer unha resposta profesional e eficaz de forma homoxénea en todas as zonas afectadas". 

Ata agora, estas actuacións son levadas a cabo de forma directa con medios propios dos 124 concellos colaboradores, unha vez que se recibe o aviso no 012, teléfono habilitado para ese efecto. Tamén participan os GES e persoal da consellería de Medio Rural e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. 

Comentarios