Máis de 200 xornalistas de medios públicos mobilízanse en Santiago para pedir a "fin da manipulación"

Luís Villares, Gonzalo Caballero e Ana Pontón suman o seu apoio a esta loita pola "dignidade" da información 

Máis de 200 traballadores dos medios públicos galegos mobilizáronse este sábado polas rúas de Santiago para pedir a "fin da manipulación" na información. Ao acto acudiron os líderes dos tres partidos da oposición no Parlamento.

Na manifestación, que arrincou desde San Marcos –onde se atopan as sedes de CRTVG e CRTVE até o seu final na Praza de Praterías, os profesionais reclamaron "erradicar a manipulación", recuperar programas de produción propia e "contidos de servizo público", crear o consello de informativos e do estatuto profesional da CRTVG e garantir a información de proximidade.

Con esta protesta –convocada polo Comité Intercentros de CRTVG e comité de empresa de CRTVE– tamén se piden medidas que eviten a "precarización" do emprego e que busquen un "traballo de calidade" nos profesionais á marxe dos partidos políticos. Por iso, a pancarta que portaron desde o inicio da marcha demanda: "Pola dignidade dos medios públicos".

Así mesmo, acompañados dun cartel co lema "sen medo a loitar", os traballadores corearon e gritaron consignas como "aquí está, aquí se ve o xornalismo galego en pé" e "non, non, non á manipulación".

Consultada a Corporación de Radio Televisión de Galicia por Europa Press, fontes da entidade indicaron que "non se pronuncian sobre as protestas".

EN MAREA PIDE UN "MEDIO LIBRE QUE CONTE O QUE PASA"

Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, advertiu, tamén en apoio aos traballadores mobilizados, que os medios de comunicación deben ser "libres" para que exista "unha sociedade democrática" e "poder contar a verdade, toda a verdade e só a verdade do que está a pasar no noso país".

En declaracións á prensa, indicou que "esta manifestación demostra que os profesionais queren liberdade e independencia para poder contar o que pasa", e que "o conxunto da sociedade galega está farta da manipulación informativa".

"Isto é unha mensaxe moi clara a Núñez Feijóo: non estamos dispostos a aguantar nin un minuto máis a manipulación e a mentira, sabemos o que pasa porque vivimos unha realidade, aínda que despois non se nos queira contar", aseverou Villares, e destacou que "estamos aquí para dicir que queremos un medio de comunicación libre que poidan contar o que está a pasar".

O PSDEG ACUSA A FEIJÓO DE "POLÍTICA DE PURGAS"

Durante o acto, coa mobilización xa na Praza de Praterías de Santiago, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que sumou o seu apoio aos traballadores dos medios públicos galegos, criticou que "o Partido Popular está a seguir unha política de purga do persoal de TVG" e "Feijóo é responsable".

"O Partido Popular non pode falar de liberdade nin de independencia dos medios con Feijóo como referente", reivindicou Caballero, que asegurou que "Casado ten que tomar nota do que está a facer o PP en Galicia", xa que "a dereita impide a independencia dos medios públicos e a liberdade de expresión" nos mesmos.

Deste xeito, criticou que "a dereita busca escusas falsas para facer purgas por razóns ideolóxicas". Así, esixiu "liberdade de expresión dos medios públicos" e sumou "todo o apoio a aqueles traballadores da TVG que están a sufrir en primeira persona estes ataques".

O BNG DEMANDA A "DIMISIÓN" DO DIRECTOR DA CRTVG

Na mesma liña, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, prestou o seu apoio aos traballadores dos medios públicos que "defenden poder facer o seu traballo, denunciando a manipulación brutal que se está producindo, sobre todo na Compañía de Radio Televisión de Galicia" (CRTVG), porque "están, literalmente, sendo secuestrada polo Partido Popular".

Neste sentido, denunciou que "o xefe desa banda de secuestradores é o señor Feijóo, responsable de toda a manipulación". "O BNG cre que hoxe os medios públicos deben tomar nota, o director da CRTVG debe presentar a súa dimisión e, se non o fai nesta semana, pedirémola no Parlamento de Galicia", advertiu Pontón.

Comentarios