Máis de 87.000 familias galegas beneficiaranse do Bono Social Térmico

O programa está dotado con 6,3 millóns de euros 
 
Un radiador. EP
photo_camera Un radiador. EP

A Xunta de Galicia publicou este luns a lista de beneficiarios do Bono Social Térmico que, dotado con 6,3 millóns de euros, repartirase entre máis de 87.000 familias. O programa pretende compensar os gastos económicos ocasionados aos consumidores máis vulnerables polo uso da calefacción e a auga quente ou cociña. 

A partida, transferida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto demográfico, será distribuída a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega). A contía por beneficiario, compatible con calquera outro tipo de subsidio, oscila entre os 49,84 e 123,94 euros. 

Recibirán a axuda aqueles que obtivesen o Bono Social Eléctrico a 31 de decembro de 2019, así como as persoas que para esa data presentasen a solicitude completa. O ingreso realizarase nun pago único anual na conta corrente na que estea domiciliada a factura eléctrica. 

O importe da axuda determínase segundo o grao de vulnerabilidade e a zona climática na que se sitúe a vivenda habitual do solicitante. En caso de tratarse dun consumidor en risco de exclusión social, a axuda pode incrementarse nun 60% respecto da que lle correspondería pola súa zona climática. 

A publicación do Diario Oficial de Galicia (DOG) fai unha distinción entre aqueles solicitantes coa documentación completa e aqueles que deben enviar datos adicionais -DNI ou número de conta bancaria-. Para estes últimos, a Xunta habilitou un prazo de 10 días hábiles (ata o 23 de novembro) para enviar a información necesaria ou renunciar ao bono. 

Todos estes trámites poderán realizarse telemáticamente, mediante conversación gravada ou correo postal. O Inega puxo a disposición do usuario un teléfono de atención para aclarar as posibles dúbidas: 881 55 49 13. 

Comentarios