Opinión

Máis vermella que o sangue

JOAN MANUEL Serrat canta nun seu disco titulado Material sensible (1987) o tema La rosa de l'adeu. Súas son letra e música. En vinte e oito versos octosílabos, fálasenos dunha rosa que, florecida en pleno inverno, resiste as xeadas e plántalle cara ao vento arrimada a un ciprés. A voz poética apostrofa a flor e é dese xeito como coñecemos a súa peripecia. Á que é máis vermella que o sangue, pregúntalle: «Chegas tarde, ou vés demasiado cedo, marabilloso malentendido?»

É este, para o meu gusto, un dos mellores traballos do chamado Noi del Poble-sec; porén, coido que non está entre os máis coñecidos do autor. Nalgunhas das cancións contou coa colaboración de Paco de Lucía, Pedro Iturralde ou Ana Belén.

Cada vez que miro pola ventá do meu cuarto, sorpréndome cantaruxando A rosa do adeus, como diríamos nós se tivésemos unha versión en galego.

Non é unha rosa, é unha camelia de flores encarnadas a que leva meses resistindo chuvias, sarabias, xeadas, neves e xistras. Certo que está no cadrado de terra dun patio, ben protexida entre os edificios que a rodean. Aínda así, non se libra da dureza deste tempo que non acaba de definirse.

Sábese que a especie vida de lonxe hai máis de douscentos anos, tan ben aclimatada aquí, pode florecer en calquera época do ano; mais o habitual é que o faga en inverno. Un bico anticipado da primavera para se anunciar, o mesmo que as mimosas.

Que me sorprende, xa que logo? Se a memoria non me traizoa, botou as primeiras flores antes de que acabase o ano. Acudiu, polo tanto, puntual á cita. Pasados tres meses, máis vermella que o sangue, segue cargada de flores, prolongando o seu aviso de vida nova. Outros anos, a estas alturas, só ficaban as follas, lustrosas e verdes, a agardar por un novo inverno.

Comentarios