Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Os 'Manifestos' de Almada Negreiros

La Umbría y La Solana é unha editorial independente que acolle no seu catálogo unha selección de textos da literatura portuguesa. Tan preto, pero as veces tan lonxe, a vizosa literatura lusa ten aquí unha xanela á que asomarnos á escrita de hoxe pero tamén a de tempo atrás
Obra de Almada Negreiros

Entre os nomes míticos da cultura portuguesa do século XX un dos máis fascinantes é o de José de Almada Negreiros. O seu papel multidisciplinar, tanto dende o punto de vista artístico como de pensamento, e a súa longa vida, que lle permitiu interactuar con moitos dos grandes protagonistas culturais do Portugal do século pasado, configurou arredor da súa persoa toda unha aura de xenialidade e vigor creativo á que nunca está de máis voltar.

A gran exposición arredor da súa obra que a Fundación Gulbenkian amosou en Lisboa en 2017, ou a que o pasado ano promoveu o Museo Reina Sofía co título Pessoa. Todo arte es una forma de literatura, na que a súa pegada como gran pensador da vangarda portuguesa e moi afín a Fernando Pessoa era esencial, recuperaron para o noso tempo esa pegada máis que interesante, como interesante é dentro da súa achega os seus manifestos artísticos. Unha maneira de plantarse no seu tempo para amosarlle a Portugal a dirección que el entendía máis acaída para vencellarse a desexada modernidade que o comezo do século plantexou como a gran meta de moitos dos actores europeos da creación artística.

Pintor, debuxante, escenógrafo, ilustrador, poeta, coreógrafo, creador de performances José de Almada Negreiros naceu na illa de Santo Tomé, colonia portuguesa, en 1873, morrendo en Lisboa en 1970. A súa multiplicidade de accións converteuno nun artista total que contaba coa admiración non só do ámbito creativo portugués, senón tamén do español, semella que moito máis unido baixo esa concepción ibérica do que o está hoxe. Aplaudido por Ramón Gómez de la Serna, durante cinco anos, entre 1927 e 1932 viviu en Madrid formando parte da bohemia madrileña, sendo habitual a súa presenza nas tertulias do Café de Pombo ou da Granja del Henar. "Se es artista en todo momento", decía, e así a súa vida tivo moito diso, dunha arte permanente que el mesmo baseaba na experiencia. Así o comprobamos da súa propia man grazas á edición pola editorial La Umbría y la Solana dos seus catro manifestos vencellados á forza do Futurismo que percorre moitas partes de Europa cunha exaltación da enerxía do ser humano, onde o progreso debía enchelo todo e configurar a un home novo fronte ao tempo anterior.

Coñecedor do Manifesto Futurista de Marinetti, Almada de Negreiros, sitúa a súa posición dende Portugal, dende unha patria que quere que sexa a súa, pero que tamén quere que o mereza a el. Afastarse do saudosismo e mudar esa personalidade por unha afouta mirada cara Europa, cara a súa Guerra —entendida case como un medio de depuración da humanidade— alentaron unhas palabras cheas dun nihilismo bastante habitual no continente. Publicados nos anos 1916 e 1917, o Manifesto antiDantas e o da Exposición Amadeo Souza Cardoso, foron os dous primeiros, mentres que os seguintes son o manifesto Los ballets rusos en Lisboa e o Ultimátum futurista a las generaciones portuguesas del siglo XX. Os dous primeiros amosando unha clara crítica á arte anterior, a arte dunha sociedade acomodada e con gustos moi dubidosos, mentres que os dous seguintes plantexan ese novo tempo no que vencellarse á modernidade e á vangarda.

Todos eles teñen na súa propia escrita a configuración dun Manifesto, é dicir, unha soflama para alentar aos artistas, para xerar unhas liñas de acción que fíen o que acontecía en Lisboa co que pasaba noutras capitais europeas. No seu primeiro texto critica duramente á intelectualidade do momento, no segundo reclama un cambio no país, así como no público que asiste as exposicións, no terceiro enaltece o papel dos ballets rusos, un dos grandes vencellos da modernidade vangardistas en toda Europa e no que Almada Negreiros atopaba un estímulo para a xuventude, «a mellor expresión da arte hoxe», e no cuarto, alude á experiencia e procura dese ‘Home definitivo’, así como á necesidade dunha nova patria portuguesa e o valor da guerra como glorificación.

Catro textos capitais para entender o Portugal da vangarda, pero tamén para achegarse a un personaxe singular, íntimo de Fernando Pessoa, o único convidado á sua voda, e co que coincidiu en moitas cousas ao longo das súas vidas, ata no lugar da súa morte, unha habitación do Hospital de San Luís dos Franceses.

Comentarios