En Marea celebra esta semana a consulta sobre Quinteiro, na que os críticos con Villares piden non votar

As bases do partido instrumental emitirán a súa opinión nunha consulta non vinculante que non influirá na deputada, disposta a continuar

Paula Quinteiro, en un pleno. PEPE FERRÍN
photo_camera Paula Quinteiro, nun pleno. PEPE FERRÍN

En Marea celebra esta semana unha consulta non vinculante promovida desde a dirección rupturista, que pretende que os inscritos fixen a "opinión política" da organización sobre o caso de Paula Quinteiro, a deputada que o pasado 18 de marzo se viu envolta nun incidente cunha patrulla da policía de Santiago que realizaba un control logo dunha denuncia por vandalismo. 

O caso da deputada reavivou a división interna que atravesa En Marea desde fai máis dun ano, xurdida após as eleccións aos órganos de dirección do partido instrumental. Desde entón, un sector crítico mantense enfrontado coa dirección que encabeza Luís Villares, quen pactou con listas (promovidas por Cerna e unha parte de Anova) alleas á candidatura de consenso que el mesmo capitaneaba para facerse coa portavocía única do partido instrumental. 

Os case 2.400 inscritos cos que conta En Marea na actualidade están chamados a participar nun plebiscito que emitirá unha "opinión política" non vinculante acerca da continuidade no Pazo do Hórreo de Quinteiro, sobre quen recae a decisión definitiva de renunciar ou non á súa acta.

As votacións terán lugar entre as 10.00 horas do 22 de maio e as 22.00 horas do día 23. Os resultados faranse públicos ao día seguinte. 

Os órganos de dirección (coordinadora e o consello das mareas, controlados por afíns a Villares) queren que sexan os inscritos quen forcen a presentar a súa dimisión á deputada, que conta co respaldo para continuar no Pazo do Hórreo dunha ampla maioría dos seus compañeiros no Grupo Parlamentario e do citado sector crítico, que chama agora a non participar nunha consulta que consideran "ilexítima" e que contradi os regulamentos do partido instrumental. 

De feito, persoas do consello das mareas próximas a Quinteiro trataron de paralizar a consulta porque consideran que non ofrece "garantías" de defensa para a implicada. Finalmente, a comisión de garantías, reunida o pasado luns, avalou a súa celebración que, en todo caso, non terá carácter vinculante e só servirá para fixar un posicionamento como organización. 

As votacións terán lugar entre as 10.00 horas do 22 de maio e as 22.00 horas do día 23

Con todo, Paula Quinteiro xa avanzou que desatenderá o veredicto das bases, pois mantén que a intención da dirección de En Marea é disfrazar de consulta o que, á súa entender, é en realidade un procedemento de revogación de cargo "encuberto". Este proceso implicaría a convocatoria dun plenario, pero trátase dun extremo que, polo momento, non se plantexa a cúpula do partido instrumental. 

Quinteiro reitera que non ten "ningún motivo" para presentar a súa dimisión e que a súa renuncia suporía "unha derrota colectiva" para o conxunto do espazo rupturista que "só beneficiaría" ao PP. Ademais, acusa os sectores de En Marea partidarios da súa marcha de sometela a "unha situación de indefensión" baseada nun "relato sesgado" no que se empregou "información errónea" contra ela sobre os incidentes nos que se viu envolvida.

INCIDENTE. Na madrugada do 18 de marzo, horas despois do plenario que En Marea celebrou na Facultade de Ciencias Económicas e no que non participou o grupo crítico coa dirección, Paula Quinteiro viuse envolta nun incidente coa policía de Santiago que realizaba un control por unha denuncia por vandalismo. 

Segundo recolle o atestado policial, Quinteiro identificouse como deputada e "dificultou" as tarefas de identificación dunha das persoas que a acompañaban. A parlamentaria nega estar implicada nos actos de vandalismo e asegura que a súa intención foi en todo momento "mediar" nun episodio no que un dos axentes mantiña unha actitude "desproporcionada" cara a outra persona. 

O sucedido transcendeu días despois e provocou unha tensa situación no Grupo Parlamentario, que acabou por apoiar a continuidade de Quinteiro no Pazo do Hórreo. Con todo, primeiro a coordinadora (que equivale á executiva dun partido clásico) e días máis tarde o consello das mareas (órgano máximo de dirección entre plenarios) si se situaron a favor de que a deputada renunciase á súa acta, xa que entenden que Quinteiro vulnerou o código ético ao empregar a súa condición de representante público nunha situación persoal. 

A propia Quinteiro compareceu ante o consello para explicar o sucedido nunha reunión na que, xa coa deputada fóra da sala, o grupo crítico (que levaba meses sen participar nas reunións deste órgano) abandonou o lugar denunciando que algúns dos representantes do sector oficial proferiran ataques persoais contra a parlamentaria. 

Quinteiro xa avanzou que desatenderá o veredicto das bases, pois cre que a intención da dirección de En Marea é disfrazar de consulta un procedemento de revogación de cargo "encuberto"

Na devandita reunión, o consello das mareas aprobou unha resolución que pedía a dimisión da deputada. Días máis tarde, o Grupo Parlamentario (onde Podemos, partido ao que pertence Quinteiro, ten sete representantes dos 14 deputados de En Marea) volvía reunirse e, após máis de oito horas de encontro, acordaban desatender o ditame do órgano político e apoiar a continuidade de Quinteiro na Cámara, apostando pola apertura dun expendiente informativo. 

O portavoz orgánico e parlamentario de En Marea, Luís Villares, e os deputados Davide Rodríguez (Anova) e Paula Vázquez Verao (Cerna) —todos eles membros do consello e afíns a Villares— foron os únicos que non votaron a favor de que Quinteiro seguise como deputada, aínda que con distinto sentido de voto. 

Unha semana máis tarde, Luís Villares rompeu o silencio público que mantiña desde o estalido da polémica. Fíxoo en sede parlamentaria e a título persoal (non como portavoz, remarcou) para pedir a dimisión de Quinteiro; emprazala a actuar con "responsabilidade" e "madurez", e abrir a porta á celebración da consulta que, finalmente, foi convocada dous meses despois.

CONSULTA. Así as cousas, as bases de En Marea deberán contestar "si" ou "non" á seguinte pregunta: "Consideras que Paula Quinteiro debe dimitir do seu cargo como deputada do Parlamento galego polo uso da súa acta de deputada para un asunto particular?". 

Transcorridos tres meses desde o inicio dun caso que revolveu as augas de En Marea, a previsible permanencia de Quinteiro na Cámara independentemente do resultado abrirá unha nova etapa de incerteza no universo rupturista a pouco menos dun ano para a celebración das eleccións municipais, nas que as mareas xóganse manter e tratar de agrandar o espazo que se gañaron no mapa político galego fai tres anos. 

Comentarios