María Manuela, premio honorífico nos galardóns da música galega

Con este galardón búscase recoñecer unha traxectoria artística "longa e comprometida"
Imaxe de arquivo dunha actuación de María Manuela. AEP
photo_camera Imaxe de arquivo dunha actuación de María Manuela. AEP

A cantora coruñesa María Manuela será a artista que recibirá este ano o premio honorífico que se entregará no marco da sétima edición dos Premios Martín Códax da Música Galega.

Con este galardón, segundo destaca a organización destes galardóns, a asociación Músicas ao Vivo, búscase recoñecer unha traxectoria artística "longa e comprometida" que converteron a María Manuela nunha muller "especial, querida e admirada por todo o que representa".

A súa arte, engade a asociación, deixou unha "fortísima pegada" na música galega e fixo dela e do idioma galego "ferramentas para loitar por un mundo mellor".

María Manuela, nacida na Coruña en 1945, criouse no barrio obreiro de Recimil (Ferrol). Xunto ao seu compañeiro Miguel formou un dúo artístico que se converteu en referente da canción protesta e puxeron en valor a lingua propia de Galicia musicando poemas dos autores máis recoñecidos das letras galegas.

En 1999 publicou o seu último traballo en solitario, dedicado ao seu compañeiro, desde entón seguiu colaborando con diferentes proxectos musicais e audiovisuais. 

Comentarios