Os médicos galegos poderán consultar o historial dos contactos estreitos dos positivos

Desta forma preténdese mellorar o rastrexo dos gromos
Pruebas para detectar el coronavirus en el Hospital Provincial de Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Pruebas para detectar el coronavirus en el Hospital Provincial de Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Os médicos galegos poderán consultar a partir de agora a rede integral de seguimento do covid-19, de modo que terán acceso a través da historia clínica electrónica (IANUS) aos casos sospeitosos e aos contactos estreitos relacionados cos seus pacientes.

Segundo apunta a Consellería de Sanidade nun comunicado, coa posta en marcha da Central de seguimento de contactos obtense información relevante sobre as enquisas realizadas a todos os casos e o seguimento de contactos.

Esta información consolídase no sistema de vixilancia epidemiolóxica (VIXIA), "único para toda a comunidade", que permite dispón dunha información "veraz, actualizada e consolidada" asociada a cada caso e aos seus contactos, indica Sanidade.

A partir de agora esta información "esténdese a todos os profesionais sanitarios introducindo melloras no IANUS", destaca a Consellería de Sanidade, de modo que poderán consultar non só a situación dos seus pacientes, senón tamén a evolución das persoas da súa contorna que puidesen ter contacto co virus, ver se están en seguimento, se presentan síntomas e mesmo se contraeron a enfermidade.

A pasada semana a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) criticou a falta de coordinación cos rastreadores contratados pola Xunta e demandou poder ter acceso aos datos dos contactos dos seus pacientes.

Comentarios